Retos actuais das novas tecnoloxías na empresa
Descrición:
O Plan Estratéxico Galicia 2015-2020 fomenta o paso a unha sociedade dixital, en tanto que a Axenda de Competitividade Empresarial Galicia Industria 4.0 promove "a creación dunha industria intelixente que, co seu capital humano, sexa capaz de analizar a contorna para anticiparse aos cambios e evolucionar cara á industria 4.0, composta por fabricas intelixentes, automatizadas, flexibles, conectadas entre se, sustentables e sociais".
A economía dixital, así como a Industria 4.0, a automatización ou robotización e a IA xeraron un proceso global de transformación dos mercados e das empresas. Estamos ante un proceso disruptivo, global e acelerado, que obriga a ofrecer unha resposta activa ante os retos e efectos xerados. Por iso resulta necesario fomentar a súa análise desde a perspectiva xurídica, xa que ten efectos nos mercados, as empresas e os axentes implicados, en particular os traballadores e as administracións. Os equipos de investigación implicados neste labor analizarán especialmente as perspectivas xurídicas laboral, administrativa, mercantil e fiscal deste proceso, polo que o obxectivo da xornada é impulsar o debate e o diálogo cos distintos actores aos que afecta a denominada 4ª revolución industrial.
Horario: De 9:30 a 14:00 horas
Lugar: Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela
Pode consultar o programa e máis información sobre a xornada aquí