O Consello da Xunta de Galicia autorizou o 22 de marzo de 2018 a concesión a Telefónica de España S.A. da terceira liña de subvencións do Plan de Banda Larga 2020, destinada a despregar redes ultrarrápidas en entidades de poboación de menos de 300 habitantes que non contan con cobertura nin previsión de dispoñer deste servizo.
O 23 de marzo de 2018, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ditou resolución de concesión de subvención, nos termos autorizados polo Consello da Xunta de Galicia, por unha contía de 14.200.000 euros no período 2018-2020.
Estas subvencións cofináncianse nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 7,5% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 17,5% pola Xunta de Galicia, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR)
O proxecto subvencionado ao operador Telefónica de España, S.A. contempla despregamentos de redes de fibra óptica de última xeración en 614 núcleos rurais repartidos por 181 concellos das 4 provincias de Galicia, achegando así o acceso a internet cunhas velocidades de cando menos 100Mbps, a máis de 74.400 habitantes.