Contrato de Xestión Amtega 2018-2021

Contrato de Xestión Amtega 2018-2021

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia, constituída con data 9 de marzo de 2012, publica o contrato de xestión que recolle os compromisos para a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no eido das tecnoloxías da información e comunicacións e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Unha vez rematada a vixencia do primeiro contrato plurianual e cumpridos os obxectivos previstos nel, cómpre aprobar o 2º contrato plurianual de xestión desta axencia pública autonómica coa finalidade de establecer o marco de actuación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para os vindeiros catro anos, aliñado coa Axenda Dixital de Galicia 2020 e adaptado ao novo marco establecido polo Programa Operativo FEDER 2014 - 2020.

O contido deste contrato de xestión aprobouse, en termos de proposta, polo Consello Reitor da Amtega por acordo de data 21 de marzo de 2018, e, con carácter definitivo, polo Consello da Xunta na súa sesión do día 5 de abril de 2018.

O obxecto do presente contrato de xestión é establecer o marco de relacións entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Xunta de Galicia e, polo tanto, o sinalamento dos compromisos asumidos por cada unha das partes para a consecución da misión da dita Axencia como entidade encargada do desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Así pois, este contrato de xestión terá por obxecto regular a actividade da Amtega mediante o sinalamento das diferentes actividades conducentes ao cumprimento da súa misión, do enfoque que debe darse á realización das mesmas, así como da asignación dos recursos orzamentarios e a dotación de persoal precisa para levar a cabo devanditas actividades.

Para máis información pode consultar a continuación o documento íntegro.