O nodo

O nodo

Image removed.

O nodo

Nun contexto de transformación dixital global, a necesidade de aplicar  medidas e políticas de  ciberseguridade  determínase como  indispensable, polo que é oportuno a creación dunha estrutura de cooperación en Galicia no ámbito da ciberseguridade, que promova e dinamice a cooperación entre institucións, empresas e sociedade para facer fronte ao reto de vivir nunha contorna segura, xurdindo así CIBER.gal, o nodo galego de competencias en ciberseguridade.  

O ámbito de actuación deste  nodo inclúe a prestación de servizos de ciberseguridade a distintos axentes no ámbito de Galicia (cidadanía, sector público autonómico, concellos, PEMES, etc.) así como o fomento do talento e a coordinación da I+D+i en  ciberseguridade  que se realice en Galicia.

Ciberseguridade en Galicia

A Xunta de Galicia aposta pola seguridade da información, téndoa presente no desenvolvemento das súas políticas, situándoa no nivel de decisión máis alto. É por iso que desde xuño de 2014 publícase o DECRETO 73/2014 polo que se crean e regulan os órganos colexiados con competencias en materia de seguridade da información e goberno electrónico da Administración  xeral  e do sector público autonómico de Galicia.

Plan Director de Seguridade TIC 2019-2021

A Xunta, a través da Amtega leva moito tempo dándolle prioridade á seguridade da información, contando cun plan director de Seguridade 2015-2021 que foi actualizado recentemente para adecualo ás novas necesidades derivadas do importante crecemento das ameazas neste eido, así como dos recentes cambios normativos, incrementándose de forma relevante o orzamento para a súa execución (16,5 M €). Devandito Plan director contempla as actuacións en materia de seguridade TIC que a Xunta de Galicia está a acometer para asegurar que se mantén o grao de protección adecuado para a información xestionada polo Sector Público Autonómico de Galicia.

Plan Director de Seguridade TIC 2022-2027

A Xunta de Galicia continúa apostando e actualizando a súa estratexia no campo da ciberseguridade, co obxectivo de poder garantir a expansión das políticas dixitais e as administracións públicas galegas. A través da Amtega, no 2021 elaborarase un novo Plan Director de Seguridade TIC 2022 2027 , onde se recollerán as liñas de traballo e recursos necesarios en materia de seguridade da información.

CSIRT.gal

CSIRT. gal é o centro de respostas ante incidentes de seguridade, formado por un equipo de persoal técnico especializado que conta co apoio de servizos en colaboración con empresas do sector @TIC, dedicado a desenvolver medidas preventivas e reactivas ante incidentes de seguridade e integrado no Foro  CSIRT.es, plataforma independente de coordinación e colaboración de confianza entre os CSIRTs de ámbito nacional que permite optimizar a cooperación entre os mesmos para actuar fronte a problemas de seguridade informática nas redes españolas, fomentando a divulgación de información de interese e a mellora da visibilidade dos CSIRTs membros do Foro na comunidade española e internacional.

 

 

 

70MM de correos SPAM neutralizados

1MM de tentativas de ataques bloqueados polos Sistemas de Protección Perimetral

26MM de tentativas de ataques bloqueados polos Sistemas de Prevención de Intrusos

 

 

Co obxectivo de complementar a carteira de servizos de CSIRT gal e ampliar o seu ámbito de actuación licitarase en 2021 un Acordo Marco para prestar servizos de ciberseguridade ás administracións públicas, cidadanía e empresas.

Os servizos de ciberseguridade contratados serán de aplicación nos seguintes ámbitos

Administración xeral de Xunta de Galicia e restante sector público autonómico
Administración local galega e outras administracións públicas galegas
Cidadanía
Empresas (en particular pemes e autónomos)

Ademais, para a eficiente prestación dos servizos do Acordo Marco e do centro de CSIRT gal iniciarase a construción dun edificio que albergará a sede do Centro de Ciberseguridade de Galicia que estará situado na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela Os servizos que prestará estarán orientados tanto ás administracións como á cidadanía e empresas, e entre outros, realizará servizos como:

Centro demostrador de tecnoloxías de ciberseguridade
Apoio á I +D+i en ciberseguridade
Actividades de concienciación, formación e de promoción do talento en ciberseguridade.