Xa se poden votar os vídeos do I Concurso de curtas co móbil, no que participan estudantes da ESO e de Bacharelato da Comunidade galega
O proceso de votación das curtas presentadas estará aberto ata o 20 de maio mediante o sistema ‘Gústame’ de Facebook, a través do portal Facebook/IMit Xunta
Participan un total de 22 curtametraxes realizadas por mozos e mozas de 8 centros educativos galegos
O obxectivo é espertar a creatividade audiovisual dos estudantes galegos, ao tempo que se fomenta o traballo en equipo e se dan a coñecer as posibilidades que se abren no eido da formación e o coñecemento de novas tecnoloxías a través das aulas CeMIT
Esta semana abriuse o prazo para votar os vídeos presentados ao I Concurso de Curtas co móbil. As votacións poden realizarse a través da páxina de Facebook http://www.facebook.com/imitxunta, ata o 20 de maio.
Mediante o sistema “Gústame”, todas as persoas fans da páxina de “Imitxunta” poderán votar pola súa curtametraxe favorita unha soa vez, de maneira que non se perturbe o resultado da votación e resulten gañadores aquelas obras que sexan maioritariamente apoiadas.
En total presentáronse 22 curtametraxes realizadas co móbil por mozos e mozas matriculados na ESO ou no Bacharelato de oito centros educativos da Comunidade galega. Da provincia da Coruña participaron o CPI de Xanceda, Mesía o IES Eduardo Pondal de Santiago, o IES Terra de Soneira deVimianzo, o CPI O Cruce de Cerceda. Da provincia de Pontevedra o IES Manuel García Barros da A Estrada, o IES Ramón Cabanillas de Cambados e o IES María Soliño de Cangas. E da provincia de Ourense o Colexio María Inmaculada de Verín.
Este concurso, que se convoca por primeira vez na Administración autonómica a través de Facebook, ten como finalidade non soamente espertar a creatividade audiovisual dos estudantes, senón fomentar o traballo en equipo e dar a coñecer as posibilidades que se abren no campo da formación e coñecemento das novas tecnoloxías que se veñen ofrecendo a través das actividades programadas nas aulas de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta (CeMIT) do seu concello ou comarca.
As 22 curtas que entraron nesta fase final, realizadas por mozos e mozas entre 14 e 20 anos de idade, individual ou colectivamente, destacan pola súa calidade e orixinalidade. Ademais mostrana destreza dos participantes á hora de plasmar a temática obxecto deste concurso relacionada coas funcionalidades que ofrece a rede de aulas CeMIT como referente no acceso á formación en novas tecnoloxías e o seu impacto na vida cotiá.
Axentes implicados
Os obxectivos do certame son espertar a creatividade audiovisual dos estudantes galegos, fomentar o traballo en equipo e dar a coñecer as posibilidades que se abren no campo da formación e coñecemento das novas tecnoloxías que se veñen ofrecendo a través das actividades programadas nas aulas CeMIT dos distintos concellos e comarcas galegos.
Os estudantes contaron coa axuda activa da comunidade educativa e dos responsables das aulas CeMIT. Así, neste programa implícase tanto ao alumnado -como creador das curtametraxes-, como aos centros educativos -como titores dos alumnos participantes e facilitadores das inscricións das curtas que os representarán-, e aos responsables das aulas CeMIT, que se encargarán da difusión, resolución de dúbidas, validación e recollida das inscricións e traballos presentados ao concurso.
Premios
Establécense tres categorías de premios tanto para o alumnado como para os centros que representan. O primeiro premio é un Netbook e 5 Ipod, o segundo unha videocámara e 5 Ipod e o terceiro unha cámara fotográfica e 5 Ipod.