Últimos días para inscribirse na actividade sobre creación multimedia e web 2.0 que se imparte en 12 aulas CeMIT a partir do 24 de outubro

Domingo 21 de Outubro de 2012

Últimos días para inscribirse na actividade sobre creación multimedia e web 2.0 que se imparte en 12 aulas CeMIT a partir do 24 de outubro

Trátase dun curso gratuíto de 40 horas no que se explicarán os procedementos básicos para a creación de contidos multimedia adaptados á web e súa publicación nun servizo web 2.0

A actividade enmárcase no Plan de Dinamización 2012 da Rede CeMIT

A localización das aulas CeMIT e os contidos do Plan de Dinamización e da carta de servizos están dispoñibles no enlace http://cemit.xunta.es.

A inscrición pode ser realizada online na web do CeMIT ata o inicio do curso

Desde o vindeiro 24 de outubro e ata o 12 de novembro desenvolverase unha actividade sobre Creación Multimedia e Web 2.0 en 12 aulas da rede CeMIT, no marco do seu Plan de Dinamización 2012.

Esta actividade gratuíta de 40 horas ten por obxecto facer un percorrido polos procedementos básicos de creación de contidos adaptados á web, o proceso de obtención, edición e optimización, e finalmente publicación en servizos web 2.0. Contémplanse recursos de todo tipo: textos, imaxes, audio ou vídeo.

Os participantes na actividade obterán os coñecementos para xerar adecuadamente os contidos necesarios para a súa publicación nun blog ou algún outro servizo web 2.0, habilidades moi valoradas actualmente para moitos postos de traballo de diferentes sectores.

O curso desenvólvese en 12 centros da rede CeMIT mediante os sistemas de videoconferencia e aulas virtuais, que permiten a comunicación entre todos os participantes en tempo real a través de imaxe, chat, compartición e control de aplicacións remotas.

Na provincia da Coruña participan os centros de Ames, Cerceda, As Pontes, San Sadurniño e Vilasantar. En Lugo a aula do Vicedo. En Ourense os de Beariz e Manzaneda. En Pontevedra: Campo Lameiro, Cuntis, O Porriño e Vilanova de Arousa.

Plan de Dinamización

Esta iniciativa desenvólvese no marco do Plan de Dinamización 2012, no que a Rede CeMIT levou a cabo distintas actividades con temáticas relacionadas co sector multimedia e audiovisual, como o curso sobre streaming de audio e vídeo, posicionamento web, televisión en internet ou produción audiovisual, entre outros.

O Programa de Formación da Rede CeMIT atópase cofinanciado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013.

A Rede CeMIt

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros. Do mesmo xeito, os contidos do Plan de Dinamización e da carta de servizos están dispoñibles na web http://cemit.xunta.es.