Rueda asegura que Galicia conta co ecosistema innovador, o talento e a vontade para acoller a sede da AESIA en España

Luns 07 de Novembro de 2022

Rueda asegura que Galicia conta co ecosistema innovador, o talento e a vontade para acoller a sede da AESIA en España

• O presidente da Xunta participou na presentación da candidatura galega á Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA)
• Subliña que a Comunidade conta co apoio de máis de 70 organismos e empresas e cun rico sistema de innovación tecnolóxica no que prestan servizos máis de 50 firmas, o 80% delas, galegas
• Agradece ás outras cidades aspirantes o seu apoio á Coruña e confía nas potencialidades de Galicia para ser elixida a nivel estatal: “Non hai unha candidatura mellor que a nosa”, asegura


O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, asegurou que Galicia conta co ecosistema innovador, o talento e a vontade para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA).

No acto de presentación da candidatura galega, o presidente da Xunta recordou que Galicia conta co apoio de máis de 70 organismos e empresas cun rico sistema de innovación tecnolóxica no que prestan servizo máis de 50 firmas, o 80% delas, galegas. A Comunidade, ademais, conta desde hai máis dun ano cunha Estratexia para o desenvolvemento da intelixencia artificial e quere ser pioneira acollendo a sede da primeira axencia europea encargada de velar pola implantación das normas que van lexislar e regular o uso dos datos masivos, o dereito á intimidade das persoas ou o impacto presente e futuro das máquinas na sociedade.

Ao entender de Alfonso Rueda, o grande reto da humanidade perante as máquinas intelixentes é que o seu uso non substitúa nunca aos valores humanistas: “E dicir, que a persoa siga estando no centro das decisións”. E Galicia, coa presentación da candidatura da Coruña, aspira a ser o centro español desde o que se regulen cuestións complexas pero necesarias desde o punto de vista ético. “Non hai ningún interese por riba do interese xeral e do ben común”, indicou.

O presidente do Goberno galego agradeceu ás demais cidades con lexítimas aspiracións a ser candidatas a súa “xenerosidade” polo apoio á Coruña, “que xa é a candidatura de toda Galicia”, e ás persoas que forman parte do NodoGalicIA “o gran esforzo” despregado para traducir a indicadores obxectivos os criterios xenéricos recollidos nas bases do proceso.

Alfonso Rueda asegurou que Galicia construíu “a que cremos que é a máis forte das candidaturas posibles” e confiou nas súas fortalezas e nas súas potencialidade para ser elixida no ámbito estatal: “Non hai unha candidatura mellor que a nosa”, dixo.