Rogelio Martínez inaugura unha nova edición de Megaxove

Martes 06 de Decembro de 2011

Rogelio Martínez inaugura unha nova edición de Megaxove

Ata o vindeiro día 8 quen se achegue ata Expourense poderá gozar de máis de 60 actividades de lecer e deportivas que converterán este recinto no punto de encontro da mocidade galega durante esta ponte festiva e onde milleiros de rapaces e rapazas participarán de forma activa

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, foi o encargado de inaugurar unha nova edición de ‘Megaxove’, a número doce do Salón da Xuventude de Ourense.

Ata o vindeiro día 8 quen se achegue ata Expourense poderá gozar de máis de 60 actividades de lecer e deportivas que converterán este recinto no punto de encontro da mocidade galega durante esta ponte festiva e onde milleiros de rapaces e rapazas participarán de forma activa. Rogelio Martínez acompañado do subdelegado do Goberno, a concelleira de Xuventude, o pte. Comité Asesor Megaxove, a decana Facultade CC Empresariais e Turismo e o director xerente de Expourense, realizou un percorrido por cada unha das actividades.

“Hai espazo para campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros coma todos os anos pero tamén moitas novidades como a celebración do primeiro Campionato Galego de Snooker organizado polo Clube de Billar Ourense en colaboración coa Federación Galega de Billar, no que participarán 16 xogadores de toda Galicia. Tampouco faltarán nesta edición os obradoiros solidarios como o denominado “Función de maxia en Haití” organizado por Cruz Vermella ou a exposición sobre “Educación, Deporte e Valores” da Secretaría Xeral para o Deporte”, asegurou Martínez.

Nesta edición prestarase ademais especial atención á convivencia interxeracional fomentando que os nenos e mozos acudan a Megaxove acompañados coas súas familias e realicen actividades xuntos.

“Coa posta en marcha deste evento pretendemos reunir ós nenos e nenas, mozos e as súas familias nunha aula de ocio onde poidan desenvolver todo tipo de actividades, unhas actividades nas que se conxuga a formación co divertimento e coas que se potencian valores coma o compañeirismo, a igualdade, o traballo en equipo, a convivencia interxeneracional, a tolerancia ou o respecto ó Medio Ambiente”, asegurou o delegado territorial.