Retegal presidirá a Asociación Nacional de Operadores de Telecomunicacións (UNIRED) durante o ano 2013
Está integrada por cinco operadores que, en conxunto, xestionan máis de 2.500 centros de telecomunicacións distribuídos por toda a xeografía nacional
A sociedade pública Retegal, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, presidirá durante este ano a Asociación Nacional de Operadores de Telecomunicacións (UNIRED). Xunto con Galicia están integrados na asociación os operadores Axión, que presta servizo á TV pública de Andalucía, Itelazpi de Euskadi, Telecom Castilla La Mancha e Aragonesa de Servizos Telemáticos - AST de Aragón que, en conxunto, xestionan máis de 2.500 centros de telecomunicacións distribuídos por toda a xeografía nacional.
En 2013, RETEGAL ocupará a presidencia de UNIRED, mentres que a vicepresidencia corresponderá á entidade pública aragonesa AST e a secretaría a empresa AXIÓN.
Impulsar a colaboración
UNIRED, creada en 2006, ten como obxectivo defender os intereses comúns dos asociados, o que a converte nun foro ou lugar de encontro para impulsar a colaboración entre todos os participantes, compartindo o coñecemento, as inquietudes e a experiencia adquirida en diferentes proxectos, con idea de mellorar a xestión das empresas e minimizar os investimentos e custos propios da devandita actividade.
Ademais, constitúe unha canle comunicación común cos organismos oficiais encargados da xestión das telecomunicacións, como a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da Información ou a Comisión do Mercado das Telecomunicacións, entre outros.
Foro para compartir experiencias
UNIRED ten vocación de converterse nunha plataforma de traballo para compartir os proxectos que se desenvolven no seu ámbito de negocio, así como a de fomentar a capacidade de compartir proxectos piloto que redunden en beneficio de todos. Deste xeito, e impulsando a mellora continua, favorécese a excelencia, o aforro de custos e a eficiencia das infraestruturas de telecomunicacións.
Neste sentido, durante o último ano, todas as empresas da asociación compartiron experiencias de traballo no campo da TDT, do despregamento de banda ancha e da construción de centros de telecomunicacións auto sostibles enerxeticamente, labores que pretende continuar durante o ano 2013, e aos que se incorporarán, entre outras, accións específicas no campo das redes de comunicacións dixitais de emerxencia.