Publícase a licitación da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia por un importe de 6,5 millóns de euros
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o día 18 de xaneiro está previsto que se adxudique no primeiro semestre de 2013
A posta en marcha desta rede é posible grazas a un convenio asinado entre as Consellerías de Presidencia e Administracións Públicas, Medio Rural e do Mar, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a entidade pública empresarial red.es
Conta cun investimento de 6,5 millóns de euros dos cales a Xunta achegará preto de 2 millóns e o resto red.es, grazas á contribución do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
Empregará as infraestruturas do operador público RETEGAL, permitindo un aforro de 37 millóns de euros en 10 anos respecto ao uso de redes comerciais
Mellorará a coordinación e a xestión das situacións de emerxencia e a eficacia e a calidade do servizo ofrecido ao cidadáns nestas circunstancias
Ofrecerá unha cobertura mínima para o 80 % do territorio e o 85 % da poboación
Garante as comunicacións en casos de saturación das redes móbiles ou fixas e posibilita a incorporación de diversos servizos como a xeolocalización dos efectivos a través de GPS ou o envío de datos
A entidade do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo red.es vén de publicar a licitación da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia, por un importe de 6,5 millóns de euros, dos cales 4.567.500 € serán achegados por esta entidade pública empresarial, grazas á contribución do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e 1.957.500 pola Xunta de Galicia. Así se recolleu nun convenio asinado entre as Consellerías de Presidencia e Administracións Públicas, Medio Rural e do Mar, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e red.es.
O obxectivo é que Galicia conte cunha rede de emerxencias propia que integrará a todos os colectivos que participan na resolución deste tipo de situacións. A nova rede dixital, que comezará a implantarse ao longo de 2013, facilitará unha intervención efectiva e eficaz dos efectivos implicados e simplificará as tarefas de coordinación entre eles. A rede empregará o estándar TETRA, a tecnoloxía recomendada a nivel europeo para este tipo de comunicacións vinculadas á seguridade pública e empregada en centos de redes de máis de 100 países.
Aforro de 37 millóns de euros
Para crear a nova rede de emerxencias despregaranse infraestruturas de telecomunicacións para o que se aproveitarán as implantadas no marco do Plan de Banda Larga e as redes do operador público Retegal, o que permitirá un aforro de 37 millóns de euros en 10 anos respecto ao uso de redes comerciais. A empresa pública será a encargada de xestionar a rede dixital de emerxencias.
Coa creación desta rede a Xunta disporá dun sistema que permitirá intercomunicacións inmediatas entre os distintos operativos de emerxencias de Galicia, mellorando as accións de coordinación entre eles, e substituirá os actuais sistemas analóxicos por sistemas dixitais, de acordo coa normativa recomendada a nivel europeo.
Dispoñibilidade en situacións extremas
O novo sistema garante a súa dispoñibilidade e a comunicación en situacións extremas ou en casos de saturación das redes móbiles ou fixas. Entre as vantaxes desta tecnoloxía cómpre destacar que permite o acceso instantáneo á rede, posibilita a incorporación de diversos servizos como a xeolocalización dos efectivos a través de GPS, o envío de sms a persoas ou grupos, o envío de datos, a consulta de bases de datos, comunicacións encriptadas e a gravación de conversas. Ademais, os dispositivos móbiles que se empregan están adaptados a condicións extremas.
O número inicial de usuario estimados entre efectivos de Protección Civil, Axega, Policía Autonómica, 112, Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF), Grumir, bombeiros e 061 é de 5.000, que se prevé que cheguen aos 8.000 nun período de 3 a 5 anos. Esta rede porase a disposición doutros organismos públicos, como deputacións ou concellos, conseguindo deste xeito, unha maior coordinación dos distintos servizos de emerxencias.
Cobertura
A rede ofrecerá unha cobertura mínima para o 80 % do territorio e o 85 % da poboación, de xeito que ademais de incrementar a cobertura actual do territorio nas accións de prevención e defensa contra os incendios forestais, garantirá un alto grao de cobertura nas principais vías de comunicación, portos, aeroportos e zonas industriais de especial risco. Ademais, existirá unha antena TETRA transportable para un despregamento rápido de cobertura en caso de emerxencia nunha zona que non dispoña da mesma.