Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Preto do 89% dos fogares galegos ten contratado internet, un 7,5% máis que hai un ano

• É o maior crecemento rexistrado desde 2016 e reduce a diferencia coa media estatal a 2,6 puntos
• O maior incremento prodúcese nos núcleos de menos de 10.000 habitantes, nos que, por primeira vez, supérase a porcentaxe do 80% de fogares conectados
• En canto ao uso da rede, medra 15 puntos na franxa de idade entre os 55 e os 64
• Nas vilas de entre 20.000 e 100.000 habitantes a media galega supera á estatal na contratación a Internet e de banda larga
• A principal tecnoloxía de acceso a Internet nos fogares galegos é unha conexión móbil de banda larga través dun dispositivo de man, coa que conta o 83,1% dos fogares


Preto do 89% dos fogares galegos ten contratado Internet, o que supón un incremento do 7,5% con respecto ao ano 2018, superior ao crecemento do conxunto do Estado (5,8%) e o maior rexistrado desde 2016. O crecemento máis importante prodúcese nos concellos galegos con menor poboación, os de menos de 10.000 habitantes, nos que os fogares conectados pasan dun 74,6% a un 81,2%. Nos espazos urbanos o crecemento na contratación de Internet e da banda larga é superior á do conxunto do estado. 
 
Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2019  e analizados  polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega),
 
As cifras confirman que os galegos por debaixo dos 34 anos superan a media estatal no uso habitual de Internet, pero especialmente en relación ás compras online, de modo que os mozos galegos superan en 6 puntos porcentuais ao conxunto dos españois. Ao mesmo tempo estanse a producir incrementos significativos do uso das TIC entre a poboación de maior idade.
 
Uso das TIC
O 84% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 4,5%, con respecto ao ano anterior. Entre a poboación máis nova, por debaixo dos 35 anos, o uso de Internet é practicamente universal. Cómpre destacar o crecemento no grupo de idade de 55 aos 64 anos, onde o uso da Rede medra 15 puntos porcentuais respecto ao ano 2018. 
 
Ademais dos usos tradicionais, como a mensaxería instantánea ou o correo electrónico, un dos usos de Internet máis estendidos entre os internautas galegos a é a banca electrónica, que utiliza o 64,6% dos internautas na nosa comunidade, catro puntos máis que a media estatal. Salientar tamén o importante uso da nube como sistema de almacenamento de ficheiros con fins privados, que practica un 46,2% dos galegos que utiliza Internet converxendo co conxunto do Estado.  
 
 
Tipo de conexión e hábitat
Segundo a información que ofrece o INE, a maior parte das vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 83,1% emprega unha conexión móbil de banda larga través dun dispositivo de man. Trátase da principal tecnoloxía de acceso, por diante da conexión por ADSL, cable ou fibra, que utiliza o 76,2% dos fogares. No conxunto de España as posicións invértese.
 
Respecto aos datos relativos ao tamaño do hábitat, é salientable que nos concellos con poboación maior de 20.000 habitantes, a media galega iguala ou supera á estatal na contratación a Internet e a banda larga. 
 
Especificamente nas vilas galegas de 20.000 a 50.000 habitantes rexístrase un forte ritmo de crecemento dos indicadores relacionados coa contratación de Internet e de banda larga. Neste tipo de concellos a conexión a Internet de banda larga medrou máis dun 8,5%, situándose no 94,1%, superando o valor da media estatal en 2,5 puntos porcentuais.