Os profesionais das aulas da Rede CeMIT reciben formación sobre o uso seguro das novas tecnoloxías por parte dos menores

Domingo 01 de Xullo de 2012

Os profesionais das aulas da Rede CeMIT reciben formación sobre o uso seguro das novas tecnoloxías por parte dos menores

A primeira edición do curso EDUCA_TIC comeza o luns en 15 concellos, impartida a través de videoconferencia por integrantes da policía xudicial expertos nesta materia

Esta formación permitirá aos profesionais das aulas desenvolver actividades dinamizadoras orientadas aos proxenitores, titores e aos menores das súas aulas e zonas de influencia

Este luns comeza en 15 aulas CeMIT a primeira edición do curso EDUCA_TIC de Uso seguro das TIC por parte dos menores, co que se busca proporcionar aos axentes TIC que se ocupan destes centros as ferramentas e coñecementos que permitan controlar e guiar o uso que fan os menores de Internet e as novas tecnoloxías.

Esta primeira edición do curso desenvolverase a través de videoconferencia nas aulas da Rede de Centros para a Modernización e  Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) de A Coruña, Ares, Boiro, Fisterra Narón, Betanzos, Ortigueira, Santiago de Compostela, A Cañiza, Ponteareas, Lalín, Verín, Carballiño, Castro Caldelas e Celanova. Estas sesións completaranse cun módulo de formación online adecuado ás condicións técnicas do persoal da Rede CeMIT.

Estes cursos, dunha semana de duración e con quendas de mañá e tarde, buscan formar aos axentes TIC e aos responsables das aulas da rede CeMIT para que poidan desenvolver actividades dinamizadoras orientadas aos proxenitores, titores ou incluso aos propios menores das súas aulas e zonas de influencia.

Impartidos por expertos da policía xudicial

O  presente curso ten como obxectivo a análise do contexto actual en Galicia da man de expertos en seguridade da policía xudicial,   ofrecendo un diagnóstico da situación na que están os menores galegos no que respecta a hábitos de uso das TIC, así como os coñecementos sobre a seguridade da información.

As ferramentas empregadas nas distintas actividades de dinamización propostas están pensadas para a promoción do uso seguro das TIC por parte dos menores, dirixida aos Axentes TIC  e responsables das aulas da Rede CeMIT  co obxecto de:

Entender os principais riscos aos que se enfrontan os menores no uso que fan das TIC
Proporcionar coñecementos suficientes que permitan controlar e guiar o uso que de Internet e outras tecnoloxías fan os menores.
Promover a cultura da responsabilidade ante as TIC entre os menores permitíndolles beneficiarse das súas vantaxes cos mínimos riscos.

A confianza coa que os menores se achegan ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación proporciónalles innegables beneficios de carácter educativo, social e de lecer. Con todo, tamén existen unha serie de riscos relacionados coas novas tecnoloxías, que poden afectar de forma especial aos menores. Por iso, para que nenos e adolescentes poidan aproveitar as múltiples posibilidades que estas lles ofrecen, é clave que saiban cales son os seus riscos e coñezan a forma de afrontalos.