Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O sector TIC galego creou 114 novas empresas en 2019 e rexistou un volume de negocio de máis de 2.800 millóns de euros

• Así se recolle no Estudo “A Sociedade da Información nas empresas TIC”, que reflicte que o sector conta en Galicia con 18.984 empregados
• No 2020 a implantación do telebraballo incrementouse en máis dun 90% no sector
• Máis dun terzo das empresas TIC galegas levaron a cabo actividades de I+D+i durante os 3 últimos años das que máis do 68,3% obtivo resultados comercializables
• O 27,1% das tecnolóxicas galegas utilizan ou incorporan aos seus produtos e servizos IOT (Internet das cousas)e un 26% emprega o Bussiness Inteligence
• O uso da Intelixencia artificial sitúase no 19,5% das empresas do sector
• Preto dun 32% das empresas TIC venderon os seus produtos ou servizos a través do comercio electrónico, un 7,1% máis que o ano anterior
• O 26,9% das empresas galegas dedicadas ás TIC sufriu un incidente de seguridade durante o ano 2019, principalmente intentos de estafa e ataques de virus


O sector tecnolóxico galego rexistrou 2.897 empresas no ano 2019 (114 empresas máis que en 2018), cun  volume de negocio de 2.872 millóns de euros, un 2,5% máis que o ano anterior. Cun Valor Engadido Bruto (VEB) superior aos 1.500 millóns de euros, o sector TIC supón o 2,44% do PIB total de Galicia. 

Son datos recollidos no estudo  “A Sociedade da Información nas empresas TIC de Galicia. Edición  2020”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito Amtega, en base aos últimos datos rexistrados do sector e a unha enquisa realizada entre setembro e novembro do ano 2020, recollendo indicadores novos como o teletraballo ou a adopción de tecnoloxías disruptivas.

Tendencias: Teletraballo e Tecnoloxías Disruptivas
Ao igual que noutros sectores o impacto da Covid-19 incrementou a adopción do teletraballo nas empresas tecnolóxicas galegas. O 63,4% afirma contar con empregados que teletraballan, o que supón un incremento do 91,5% nun só ano. O 96% dos empregados que teletraballan, fano dende o propio domicilio.

Outras tendencias recollidas, por primeira vez, neste estudo son a implantación das tecnoloxías disruptivas no sector TIC galego. O 27,1% das empresas TIC utilizan e/ou incorporan aos seus produtos e servizos o denominado IOT (Internet das cousas). En segundo lugar, nas tecnoloxías disruptivas sitúase o Bussiness Inteligence, que xa é utilizado polo 26% das empresas TIC. e, en terceiro lugar, figura o uso da Intelixencia artificial (19,5%).

Neste capítulo tamén cabe salientar que un 16,7% das empresas TIC galegas emprega Chatbots, un 14,3% a realidade virtual e unha de cada dez empresas TIC fai uso do blockchain (11,3%) e dos xemelgos dixitais e simulación (10%). Ademais o 20,8% das empresas TIC xa utilizan Big Data na toma de decisións. 

Aumenta o peso do comercio electrónico
O 75% das empresas TIC en Galicia realizaron compras de bens ou servizos a través de Internet ao longo do ano 2020.

No último ano creceu a porcentaxe de empresas TIC que venderon os seus produtos ou servizos a través do comercio electrónico, situándose no 31,7%, un 7,1% máis que o ano anterior. O peso das vendas a través do comercio electrónico sobre as totais increméntase nun 10,4% ata acadar un peso do 58,2%.

Conectividade
Nesta edición do informe sobre a Sociedade da Información entre as Empresas TIC en Galicia, destaca o incremento nas velocidades de conexión a internet, xa que a porcentaxe de empresas TIC conta con conexións de 100 Mbps supera o 76%, case un 15% que o ano anterior. Con respecto á tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada polas TIC galegas, destaca a fibra óptica (54,6%), que experimenta un incremento do 17,7% no último ano.

Ciberseguridade
O 26,9% das empresas galegas dedicadas ás TIC sufriu un incidente de seguridade durante o ano anterior. Os intentos de estafa e os ataques de virus foron os incidentes máis frecuentes entre as empresas que tiveron problemas coa ciberseguridade. O primeiro (intentos de estafa) creceu en 8 puntos porcentuais no último ano, substituíndo aos virus como incidente máis frecuente.

Xestión empresarial e presenza en Internet
A interacción coas Administracións Públicas a través de Internet continúa a súa tendencia de crecemento, situándose no 82,9%, 4,6 puntos porcentuais máis que en 2019. O uso da sinatura dixital acada o 69,6% das empresas TIC galegas. 

Durante 2020 subiu lixeiramente a dispoñibilidade de páxina web entre as empresas do sector ata acadar o 79%. O uso de redes sociais por parte das empresas TIC galegas, acada o 42,7% en 2020. A realización de accións de marketing é a principal motivación para o uso das redes sociais.

Actividades de I+D+i e Formación 
Máis dun terzo das empresas TIC galegas (33,7%) levaron a cabo actividades de I+D+i durante os 3 últimos años, aumentando lixeiramente a porcentaxe respecto aos datos da edición anterior (33,2%). Entre estas empresas TIC, o 68,3% obtiveron resultados comercializables.

Con respecto á formación, o informe sinala que case que unha de cada tres empresas TIC galegas impartiu formación en novas tecnoloxías da información e comunicación ao seu persoal (31,7%), un 6,4% máis que o ano anterior. No 2020, a temática de maior interese formativo é a de “Seguridade informática e protección de datos” (49,7%) desbancando do primeiro posto a “Tecnoloxías Cloud e modelos de negocios baseados en Cloud” (40,7%). 

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.gal.