Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

O programa Girl STEM entrevista a Dhaunae de Vir e Gisela Vaquero, mulleres referentes na industria dos videoxogos

• A terceira conversa desta edición afonda no papel que ocupan as mulleres na industria transmedia e nas historias dos videoxogos, co obxectivo de construír unha unidade didáctica de especial incidencia entre o alumnado dos centros educativos
• A iniciativa está enmarcada no Plan de Talento Dixital da Xunta, para incentivar a vocación das rapazas en estudos STEM, onde as mulleres representan só un 29% das persoas matriculadas


 
Esta semana GIRL STEM conversa con dúas expertas no campo dos videoxogos e deportes electrónicos: Dhaunae de Vir, desenvolvedora de negocio transmedia, e Gisela Vaquero, deseñadora e guionista de videoxogos. As dúas fan parte do movemento Women in games, que axuda, promove e dá visibilidade ás mulleres desenvolvedoras e xogadoras de videoxogos, tanto estudantes, afeccionadas coma profesionais.
 
A entrevista realizada por Luz Castro, fundadora da Asociación Galega de Videoxogos, analiza cal é a posición das mulleres neste crecente negocio e as medidas que é preciso adoptar para evitar que queden excluídas deste ámbito.
 
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
 
Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia. 
 
Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Dhaunae de Vir e Gisela Vaquero en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.
 
Dhaunae de Vir
Dhaunae de Vir naceu nos Ancares, pero actualmente reside entre Estocolmo, Madrid e Londres traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos. Á parte da vertente de negocio, a súa experiencia no transmedia abrangue deseño, produción e tradución de videoxogos, series, sitios web, xogos de rol e outros formatos a varias linguas. 
 
Produciu proxectos exitosos na industria cinematográfica, obtendo numerosos premios internacionais, incluíndo un premio BAFTA New Talent. O seu primeiro proxecto profesional na industria dos xogos de rol converteuse no segundo proxecto máis financiado en España en todas as industrias. Foi a fundadora e xerente de Biblioteca Oscura ata que foi reclutada por White Wolf Entertainment. Na actualidade, Dhaunae é a súa Directora de Desenvolvemento de Negocio, centrándose na distribución e a dispoñibilidade. Dhaunae é unha evanxelista da marca (brand evangelist), unha embaixadora dos videoxogos dende a escola primaria ata a universidade, e unha consultora de eSports.
 
Gisela Vaquero
Gisela Vaquero traballou na industria dos videoxogos durante máis de cinco anos. É licenciada en Comunicación Audiovisual, en Publicidade e Relacións Públicas e especializada en deseño e guión de videoxogos. É fundadora de Jellyworld Interactive, una compañía que busca mellorar a igualdade de xénero mediante os videoxogos; e Presidenta da Asociación Women in Games España (WIGES), unha organización creada no 2017 que promove, dá visibilidade, defende os dereitos das mulleres desenvolvedoras de videoxogos, e incentívaas nos campos tecnolóxicos.
O próximo xoves 26 de novembro, o programa GIRL STEM publicará a conversa coa referente Rocío Martínez Núñez, investigadora do King´s College de Londres, que será entrevistada por Noa Orizales, directora da empresa galega Contidos Dixitais.
 
Ligazón ás conversas con Dhaunae de Vir E Gisela Vaquero: