O Instituto de Estudos Turísticos pon á disposición de calquera profesional español o seu software pioneiro no Estado para mellorar a xestión de pequenos establecementos hoteleiros na páxina web www.comparteiniciativas.es

Mércores 07 de Novembro de 2012

O Instituto de Estudos Turísticos pon á disposición de calquera profesional español o seu software pioneiro no Estado para mellorar a xestión de pequenos establecementos hoteleiros na páxina web www.comparteiniciativas.es

Esta iniciativa é posible dende a adhesión no pasado mes de setembro da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, á plataforma ‘Comparteiniciativas’, unha ferramenta de intercambio de transferencia tecnolóxica en materia turística da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur)

O software galego consiste nunha aplicación de xestión de pequenos establecementos hoteleiros gratuíta, libre e compatible con outros sistemas

Ademais desta iniciativa, o convenio con Segittur reportaralle un apoio a Galicia na internacionalización das empresas e dos proxectos turísticos innovadores que se executen na nosa comunidade, acompañándoos na apertura de novos mercados

O Instituto de Estudos Turísticos de Galicia da Secretaría Xeral para o Turismo pon dende hoxe a disposición de calquera profesional español do sector turístico un software pioneiro no Estado para mellorar a xestión de pequenos establecementos hoteleiros, que se poderá consultar na páxina web www.comparteiniciativas.es.

Esta iniciativa xorde a raíz da adhesión dende o pasado 21 de setembro de Turismo de Galicia á plataforma do mesmo nome, Comparteiniciativas, unha ferramenta de intercambio de transferencia tecnolóxica en materia turística da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur), así como do convenio marco de colaboración asinado dende esta entidade co Goberno galego nese mesmo mes, cuxo obxectivo principal é o de compartir coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico en beneficio do sector turístico, aforrando custos.

No software, que foi presentado durante os meses de xullo a setembro nas principais cidades galegas e ao que tamén pode accederse dende a páxina web www.ietgalicia.com, únense dous obxectivos básicos: a mellora da calidade e a competitividade do sector turístico e a mellora do sistema de información estatística que posúe o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia.

Os principais beneficios que reportará aos hostaleiros este software de acceso libre serán: contar cun sistema de xestión sen realizar un desembolso económico porque non require pago de licencias e non ter restricións para a súa modificación, porque é un sistema de código aberto que permite ao hostaleiro adaptar o dispositivo ás necesidades específicas da súa empresa.

Ademais é un código independente do sistema operativo que posibilita a xestión de todo o ciclo de vida da reserva, e dende que o cliente chama ata a facturación final. É sinxelo, áxil e intuitivo no uso, polo que se aprende axiña, e facilita a coordinación con diferentes entidades e organismos estatísticos. Coñecer e poder modificar os prezos dos cuartos en función das características dos mesmos e diferenciar entre os variados axentes –quen reserva, quen paga, quen factura- son aspectos que se poden manexar doadamente a través deste dispositivo dixitalizado e que ademais nos permitirán coñecer mellor os perfís dos viaxeiros.

Deste xeito, os establecementos xerarán datos grazas a esta aplicación cedida libre e gratuitamente polo IET de Galicia, que serán enviados tanto ao Instituto Nacional de Estadística –semanal e mensualmente-, como á Policía Nacional, que recibirá cada entrada nos establecementos. A recollida de datos axustarase xa dende o inicio aos estándares de envío de ficheiros destes dous organismos, un método que permitirá obter datos máis fiables, previndo erros na escrita ou na dixitalización dos datos, pois extraerá directamente a información do sistema de xestión.

Acordo de colaboración

Ademais desta iniciativa, o acordo con Segittur reportaralle un apoio a Galicia na internacionalización das empresas e dos proxectos turísticos innovadores que se executen na nosa comunidade, acompañándoos na apertura de novos mercados. Así, ambos organismos colaborarán no intercambio de experiencias no desenvolvemento de soportes tecnolóxicos de xestión que contribúan a aumentar a cualificación das empresas turísticas, a mellorar a súa xestión interna e a fomentar a participación dos empresarios no desenvolvemento dos seus destinos.

Outras entidades turísticas como Exceltur xa contactaron tamén co IET de Galicia para interesarse por esta ferramenta.