O IGE permite incorporar a calquera web ou blog a información estatística de Galicia actualizada en todo momento

Venres 04 de Novembro de 2011

O IGE permite incorporar a calquera web ou blog a información estatística de Galicia actualizada en todo momento

Esta aplicación é posible grazas aos denominados widgets

O Instituto galego facilita tres tipos de indicadores, económicos, gráficos e municipais

Unha das prioridades da Xunta é potenciar a Administración electrónica

O director xeral do Instituto Galego de Estatística (IGE), José Antonio Campo Andión, presentou hoxe unha ferramenta informática que permite incorporar a calquera páxina web ou blog a información estatística da comunidade autónoma actualizada en todo momento.

Campo Andión, acompañado da responsable de Difusión do IGE, Esther López, que realizou unha demostración práctica de como funciona este acceso electrónico, explicou que esta ferramenta é posible grazas aos denominados widgets, pequenas aplicacións que permiten integrar nunha páxina web información externa copiando unhas poucas liñas de código.

O máximo responsable do IGE engadiu que estas aplicacións son as que se empregan para que nos blogs aparezan datos externos como o tempo meteorolóxico dunha cidade ou algo tan estendido nas redes sociais como os amigos de Facebook.

José Antonio Campo Andión apuntou que a páxina web do IGE ten na actualidade tres widgets. O primeiro refírese aos principais indicadores económicos de Galicia, que permite levar a calquera páxina web a última información sobre os datos que serven para seguir a evolución da economía da autonomía.

O segundo widget facilita incrustar gráficos na web sobre os principais indicadores conxunturais da economía galega, mentes que o terceiro permite facer o mesmo en relación aso datos máis salientables dun concello.

Con esta aplicación, todo aquel que estea interesado en ter na súa web ou blog información para seguir o conxuntura económica de Galicia con gráficos de evolución e que estean continuamente actualizados pode consultar esta ligazón: http://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=004011&idioma=gl

Se, polo contrario alguén está interesado en información do seu concello continuamente actualizada e incrustada na súa web ou blog pode consultar o apartado de principais indicadores municipais: http://www.ige.eu/web/widgselm.jsp?idioma=gl

Esta iniciativa enmárcase no obxectivo global da Xunta de Galicia de potenciar a Administración electrónica e así está recollido no Plan Estratéxico 2010-2014 – Galicia 2020, cun eixe específico dedicado a acadar unha Administración austera, eficiente e cercana ao cidadán.