O DOG publica a orde de axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo

Mércores 16 de Febreiro de 2011

O DOG publica a orde de axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo

Con esta medida búscase incentivar a introdución de novas tecnoloxías no rural e racionalizar os custos de mecanización, entre outros fins

Poderán ser beneficiarias cooperativas e sociedades agrarias de transformación, comunidades de regantes e asociacións de viticultores

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia, e se convocan para o ano 2011.

Con esta norma búscase acadar varios fins, relacionados todos eles coa mellora xeral da calidade de vida no medio rural: Promover a utilización de maquinaria e equipamentos agropecuarios e forestais en réxime asociativo; fomentar a construción e/ou adquisición asociativa de edificacións e instalacións relacionadas co proceso produtivo nas explotacións; incentivar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos; racionalizar os custos de mecanización; incrementar a seguridade no traballo; reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas as cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (Sat) que teñan como obxectivo social prioritario a adquisición e uso de maquinaria, así como as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola. Tamén poderán beneficiarse outras agrupacións, especialmente comunidades de regantes, asociacións de viticultores en terreos con pendente superior ao 15% e asociacións de faba e castaña. A convocatoria está aberta ademais ao resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario ou agroforestal para prestar servizos aos seus socios.

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir de mañá, día seguinte á publicación da norma no DOG.