O DICO Summit 2017 pecha as súas portas premiando o talento dos máis novos

Mércores 25 de Xaneiro de 2017

O DICO Summit 2017 pecha as súas portas premiando o talento dos máis novos

Alumnos do IES Brión e do IES Rosalía de Castro gañan na categoría de 14 a 18 anos con propostas para crear unha App que facilita a aprendizaxe da lectura e outra para comunicarse en tempo real coas emerxencias
Na categoría de 18 a 30 anos premiáronse dúas ideas para facilitar a ficción colaborativa e o uso de videoxogos na educación de alumnos con discapacidade intelectual
Preto de 400 persoas asistiron aos relatorios e debates sobre contidos dixitais do DICO Summit 2017 organizado Amtega, o Clúster TIC Galicia e o Clúster Audiovisual Galego

A entrega de Premios do Concurso “Na busca do Talento Dixital” puxo fin hoxe ao DICO Summit 2017, o foro sobre contidos dixitais, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Clúster TIC Galicia e o Clúster Audiovisual Galego (CLAG). O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, xunto coa directora da Amtega, Mar Pereira  e os presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corra, e do Audiovisual, Jorge Algora, foron os encargados de entregar os premios e clausurar o evento.

As TIC, chave na Educación e na difusión da Cultura

O conselleiro de Cultura e Educación felicitou aos premiados polo seu talento e a súa creatividade, pero tamén polo seu espírito emprendedor. Neste sentido, destacou o importante papel que xogan as novas tecnoloxías no sistema educativo, posto que funcionan como unha ferramenta de apoio ao alumnado e favorecen unha aprendizaxe máis rica e significativa nun mundo xa plenamente tecnolóxico e dixital.

As TIC, proseguiu Román Rodríguez, axudan a desenvolver a competencia dixital do alumnado, que tamén se reforza coas materias de libre configuración autonómica como Programación (para alumnado de ESO) e Robótica (para os de Bacharelato), nas que destacou o notable incremento de matriculación nos dous cursos que se levan impartindo.

Así mesmo, tamén salientou a formación permanente do profesorado no ámbito das novas tecnoloxías, así como a posta en marcha da Memoria Dixital de Galicia, unha iniciativa que pretende dixitalizar e difundir o patrimonio cultural galego.

Os gañadores

Na categoría “mozo” de 14 a 18 anos o Primeiro Premio foi para Lois Neira; Christian Capeáns e Brais Cuns do IES de Brión pola iniciativa “Read for Speed”, unha idea para desenvolver unha aplicación que facilite a aprendizaxe e comprensión da lectura.

Nesta categoría a Mención foi para Diego Barreiro e Óscar Olveira do IES Rosalía de Castro pola iniciativa “SOSgram salvavidas chateando”, unha idea para desenvolver unha aplicación que permita comunicarse online en tempo real cos efectivos de emerxencias en caso de accidentes ou urxencias.

Na categoría de mozo adulto, de 18 a 30 anos, o Primeiro Premio foi para Eva Sarmiento pola iniciativa “A ficción colaborativa”, una idea para facilitar aos consumidores a participación na elaboración de produtos de ficción. 

A Mención recaeu en Alexis Rafael e Ariana Peiteado pola iniciativa “Os videoxogos no camiño á inclusión”, unha idea para a utilización da realidade virtual e de videoxogos na educación de alumnos con discapacidade intelectual .

Os galardoados co primeiro premio recibiron unha gafas de realidade virtual e un dispositivo de reprodución audiovisual en rede Os recoñecidos coa Mención obtiveron unhas gafas de realidade virtual e unha subscripción a unha plataforma de vídeo baixo demanda.

Preto de 400 asistentes

Ao longo de dúas xornadas, preto de 400 persoas participaron nas diferentes actividades de DICO Summit 2017. Por un lado, os paneis e intervencións de 30 entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofreceron a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.

Ademais, contouse cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes puideron coñecer de primeira man parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Houbo tamén tempo para que as empresas asistentes conversasen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital.