O 061 de Galicia ofrece a poboación a consulta on line a través da súa nova páxina web www.061.sergas.es

Sábado 19 de Maio de 2012

O 061 de Galicia ofrece a poboación a consulta on line a través da súa nova páxina web www.061.sergas.es

A través de esta nova web está dispoñible un servizo de consultas en liña, para que a cidadanía poida trasladar cuestións sobre temas de saúde non urxentes aos profesionais médicos do 061, como vía alternativa aos teléfonos 061 e 902 400 116

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 estrea unha nova páxina web, www.061.sergas.es, cun deseño máis dinámico baseado nunha modernización da imaxe e adaptada a realidade tecnolóxica actual

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 estrea unha nova páxina web, www.061.sergas.es, cun deseño máis dinámico baseado nunha modernización da imaxe e adaptada a realidade tecnolóxica actual. A través de esta nova web está dispoñible un servizo de consulta en liña, para que a cidadanía poida trasladar cuestións sobre temas de saúde non urxentes aos profesionais médicos do 061, como vía alternativa aos números teléfono 061 e 902 400 116.

Esta fiestra ao exterior, desenvolvida grazas á colaboración da Consellería de Sanidade e seguindo as liñas mestras da organización, está dirixida á poboación galega, institucións colaboradoras, profesionais sanitarios, empresas así como aos medios de comunicación. O obxectivo é que atopen rapidamente a información axeitada para eles constituíndose como un lugar de encontro entre o 061 e os diferentes grupos de interese, e atendendo as necesidades de cada un. Para acceder dunha forma directa creáronse as pestanas de Cidadanía, Profesionais, Empresas, Feitos Vitais e Actualidade.

É por isto que os contidos abranguen dende información institucional sobre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os diferentes servizos que ofrece a poboación galega, ata un apartado onde están dispoñibles en formato dixital as memorias de actividade dos últimos anos e tamén o catálogo de publicacións da Fundación. Ademais, navegando a través das diferentes pestanas os internautas tamén poden acceder a información sobre os programas de investigación que se atopan en funcionamento dende a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e atopar a oferta de actividade do Centro de Formación en Medicina de Urxencias, Emerxencias e Catástrofes de Galicia.

Destacar as seccións, Feitos vitais e Temas que permiten atopar de forma rápida respostas a cuestións concretas, tales como consellos prácticos ante determinados estados de saúde, información sobre programas especiais para pacientes con patoloxías crónicas e un apartado de atención ao usuario que pon a disposición da cidadanía un impreso de reclamacións e suxestións.

Tecnoloxía

Un dos aspectos máis importantes para o 061 de Galicia son os mecanismos dos que está dotada a páxina que permiten unha actualización da información dun xeito áxil e directo. É por isto que no eido tecnolóxico a web levouse a cabo utilizando a ferramenta Sharepoint, que ven sendo utilizada en diferentes proxectos da Consellería de Sanidade. Esta ferramenta aporta facilidades na actualización de contidos e na busca de información.

A web, que está dispoñible en galego e castelán, é accesible mediante diferentes navegadores e se deseñou tendo en conta as necesidades especiais de persoas con discapacidade, seguindo os estándares de accesibilidade “Web Accessibility Initiative” WAI-A e WAI-AA.

Ademais, es nova páxina web está pensada para que o acceso dende dispositivos de tipo tableta sexa óptimo, así como que ofreza a posibilidade de acceder mediante programas lectores de noticias RSS. Por último, destacar que as diferentes entradas presentan enlaces para compartir utilizando Facebook ou Twitter.