Mar Pereira sinala a importancia do acompañamento xurídico na implantación da intelixencia artificial e doutras tecnoloxías disruptivas

Mércores 23 de Outubro de 2019

Mar Pereira sinala a importancia do acompañamento xurídico na implantación da intelixencia artificial e doutras tecnoloxías disruptivas

• A directora da Amtega inaugurou hoxe a IX Xornada de Informática Xudicial e Delitos informáticos que este ano afonda nesta tendencia tecnolóxica
• A responsable autonómica destacou que a Estratexia dixital 2030 busca posicionar a Galicia nas novas tendencias tecnolóxicas con maior potencial cara a vindeira década

A Intelixencia Artificial e a súas aplicacións  e implicacións no ámbito xudicial centran o contido da XI Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, Iuristicgal, que se celebra hoxe na Cidade da Cultura. Este encontro foi inaugurado hoxe pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o presidente do Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), Marcos Mata.
 
A directora da Axencia autonómica, Mar Pereira, sinalou que a futura Estratexia Dixital de Galicia 2030 galega, actualmente en fase de elaboración, fará foco nas oportunidades de aplicar novas tendencias tecnolóxicas en todos os ámbitos da economía. Neste sentido, recalcou que a implantación destas novas tecnoloxías debe ser interdisciplinar e destacou a importancia do acompañamento xurídico no proceso. 
 
Outros dos obxectivos para a vindeira década serán o de buscar solucións para diminuír a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais avanzadas; e o impulso ao emprendemento tecnolóxico.
 
A futura estratexia galega pivotará sobre catro vectores, aliñados coas directrices europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo. 
 
Dixitalización da Xustiza
A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta sinalou que nesta última década Galicia esforzouse en sentar as bases dunha dixitalización que capacita á Comunidade para enfrontar os retos do novo decenio que estamos a piques de iniciar. 
 
No ámbito xudicial, Galicia leva desenvolvendo, desde 2009 e en estreita colaboración co ámbito xudicial, un proceso de transformación dixital que se atopa nun camiño de consolidación  con todas as pezas do expediente xudicial electrónico en marcha e que está a facilitar aos profesionais do ámbito xudicial as ferramentas necesarias para unha xustiza do século XXI  como  sistemas e dispositivos para que xuíces e fiscais poidan desenvolver o seu traballo en mobilidade; salas de vistas integramente dixitais; declaracións a través de videoconferencia que evitan desprazamentos e as primeiras demandas online.