Mar Pereira defende que as administracións deben liderar dun xeito coordenado a transformación dixital da sociedade

Mércores 16 de Xuño de 2021

Mar Pereira defende que as administracións deben liderar dun xeito coordenado a transformación dixital da sociedade

• A directora da Amtega participou como invitada en representación de Galicia no ciclo de “Charlas con Marc Vidal” de Vodafone Lab
• Advirte que os fondos de recuperación deben ser xestionados con axilidade e que a complexidade da colaboración inter administrativa non debe lastrar os procesos
• O principal reto da transformación dixital son as persoas, que deben sentirse seguras e acompañadas nos cambios
• A “folla de ruta” da Xunta plásmase na Estratexia Galicia Dixital 2030 e na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, e o modelo de colaboración que defende o Goberno galego reflíctese en iniciativas como os nodos de ciberseguridade e 5G

O sector público ten que liderar o cambio que implica a transformación dixital da sociedade a impulsala no resto dos sectores económicos, segundo destacou hoxe a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.

A directora da Amtega participou esta maña na sesión correspondente a Galicia e Asturias da “Charla con Mar Vidal”, que organiza Vodafone Lab en toda España co obxectivo de impulsar a dixitalización das empresas.

Marc Vidal é un consultor e divulgador sobre a economía dixital que está considerado unha das persoas máis influíntes nesta materia en España.

Durante a charla de hoxe, Mar Pereira sinalou que a tecnoloxía estivo á altura durante o periodo de pandemia pola Covid19 e lembrou que a sanidade xa era con anterioridade un dos ámbitos máis maduros tecnolóxicamente. Neste sentido, destacou o esforzo realizado tanto dende o sector público como por parte das compañías privadas.

Engadiu que as actuacións de continxencia que foi necesario adoptar implicaron un pulo fundamental na transformación dixital, non soamente na sanidades, senón tamén noutros ámbitos como a Administración pública ou os sectores empresariais e de servizos.

Estes avances deberanse agora asentar e iniciar un camiño ascendente no que a directora da Amtega identificou dou retos fundamentais: por unha banda, simplificar e axilizar os procedementos dos fondos de recuperación e, pola outra, a existencia de perfís valentes e perseverantes nun sector público que ten que arriscarse a afrontar os cambios.

Abogou pola busca de mecanismos máis áxiles para a xestión deses fondos e un esquema de coordenación inter administrativa.

Para a directora da Amtega, os cambios que implica a transformación dixital deben adaptarse ás persoas, que teñen que sentirse seguras e acompañadas e que agardan que ese liderado das administracións se leve a cabo dun xeito coordenado, pese á complexidade que implica.

O marco no que desenvolverá en Galicia este proceso está previsto na Estratexia Galicia Dixital 2030, que implicará a mobilización de 4.000 millóns de euros de procedencia pública e privada; así como na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, que mobilizará 330 millóns de euros.

O modelo de colaboración defendido dende a Xunta de Galicia plásmase, entre outras iniciativas, na creación dos nodos de ciberseguridade e 5G, dos que forman parte as administracións, os organismos de referencia nestas materias e as empresas privadas implicadas.

A xornada organizada por Vodafone Lab en torno á “Charla con Marc Vidal” incluíu unha mesa redonda na que se abordou o novo modelo de posto de traballo na sociedade dixital.

Neste debate participou a directora da Área de Administración Dixital da Amtega, María José García Sexto, que lembrou que a Xunta de Galicia desenvolve dende 2013 un modelo de teletraballo para o persoal público, dirixido inicalmente a perfís moi determinados. Explicou que a situación provocada pola pandemia mostrou que o funcionamento da administración pública seguiu con normalidade naqueles ámbitos no que o teletraballo estaba máis desenvolvido.

María José García Sexto lembrou que neste momento a Xunta ten en marcha o plan de posto de traballo avanzado para as persoas empregadas públicas que atende a todas as necesidades previstas e favorece un esquema híbrido de traballo presencial e teletraballo, evita duplicidades e garante un escenario de seguridade e comodidade.

Este plan, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia en abril, contempla actuacións por importe de máis de 20 millóns de euros. García Sexto indicou hoxe que os fondos Next Generation supuxeron unha oportunidade de ser más ambiciosos no alcance desta planificación.