Mar Pereira afirma que o Goberno galego está a traballar para converter a Galicia nun polo tecnolóxico de referencia

Venres 02 de Marzo de 2012

Mar Pereira afirma que o Goberno galego está a traballar para converter a Galicia nun polo tecnolóxico de referencia

A secretaria xeral indicou que para acadar este obxectivo a Comunidade conta cun sector TIC con capacidade de crecemento e innovación e unha Axenda Dixital que reforza as iniciativas en materia tecnolóxica

Destacou as liñas da Xunta para promover a internacionalización e a exportación e a innovación empresarial como as plataformas empresariais no exterior, o Plan Interconecta ou o Fondo I2C

Indicou que o desenvolvemento dos proxectos tecnolóxicos da Xunta e a posta en marcha do Centro de Proceso de Datos, non só melloran os servizos públicos, senón que se converten tamén en elementos dinamizadores do sector TIC

O CPDI entrará en funcionamento este verán

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destacou que os esforzos que se están a realizar en materia tecnolóxica na Comunidade teñen como obxectivo final integrar as TIC en todos os ámbitos das sociedade e ao mesmo tempo converter a Galicia nun polo tecnolóxico de referencia. Así o destacou Mar Pereira na inauguración do XI Seminario TIC para Grandes Empresas e Organismos organizado por Ednon.

A responsable do departamento autonómico indicou que para acadar este obxectivo Galicia conta, por unha banda, cun sector tecnolóxico que, aínda no contexto actual, está a demostrar a súa capacidade de crecemento e innovación e un gran potencial para impulsar a modernización de sectores tradicionais. Por outra banda, lembrou que a Administración autonómica está a desenvolver proxectos tecnolóxicos para mellorar os servizos públicos e adaptalos ás necesidades da sociedade da información, que contribúen a dinamizar o sector tecnolóxico.

Os proxectos da Administración, dinamizadores do sector
Neste sentido, Mar Pereira, destacou que iniciativas como Abalar, que está a transformar as aulas tradicionais en dixitais, e do que xa se benefician máis de 31.000 alumnos; o Plan de Senda de Modernización da Xustiza, ou iniciativas como Hospital 2050 ou o InnovaSaúde, contan xa coa participación das empresas tecnolóxicas galegas e de fóra de Galicia.

A secretaria xeral fixo especial fincapé na posta en marcha este verán do Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, como unha infraestrutura tecnolóxica de altas prestacións que permitirá ao sector público desenvolver proxectos innovadores que contribúan a dinamizar o sector TIC da Comunidade. Ademais a consolidación desta infraestrutura, que dará servizo a toda a Administración autonómica, concellos, deputacións e universidades, permitirá un aforro anual de 3 millóns de euros.

Tamén destacou a extensión de infraestruturas de novas tecnoloxías por todo o territorio galego que se está a realizar a través do Plan de Banda Larga da Xunta e que xa dotou de acceso á rede a más de 422.000 galegos que carecían deste servizo. O Plan está a mobilizar 236 millóns de euros de investimento, 80 deles públicos.

Son actuacións destinadas recollidas na Axenda Dixital de Galicia, a estratexia tecnolóxica global da Xunta de Galicia, que xa leva dous anos de execución e que contempla tamén medidas para impulsar o sector tecnolóxico como elemento tractor doutros sectores a estratéxicos.

O sector TIC galego
A secretaria xeral repasou as últimas cifras sobre o número de empresas tecnolóxicas en Galicia, que en 2011 foron preto de 2.000, un 7,4% máis que en 2010. Ademais o sector mantivo o nivel de emprego do ano anterior. Cifras positivas, que segundo Mar Pereira, deben seguir crecendo e para iso é preciso evolucionar cara a un modelo de maior cooperación, apostando pola internacionalización e a innovación.

Para impulsar este tipo de iniciativas o Goberno galego dispón de liñas de apoio á creación de novas empresas de base tecnolóxica e á consolidación das xa existentes con medidas que permitan incrementar o grao de exportación e a internacionalización do tecido empresarial galego.

Así a posta en marcha da rede de plataformas empresariais no exterior (PEXGA), vai achegar servizos de apoio á internacionalización das empresas galegas en 14 dos principais mercados mundiais. A esta iniciativa súmase o Programa Interconecta, orientado ás pequenas e medianas empresas, que supoñerá a mobilización de preto de 60 millóns de euros na Comunidade e facilitará ás empresas galegas a oportunidade de financiar proxectos innovadores. Destacou tamén o Fondo I2C dotado con 20 millóns de euros para a posta en marcha de proxectos empresariais de base tecnolóxica orientado a pemes de sectores estratéxicos da economía galega

Finalmente, a secretaria xeral destacou que o sector TIC é, para o Goberno autonómico, un sector clave da economía galega, polo seu papel impulsor do resto de sectores para contribuír a mellorar a súa produtividade e competitividade.

Seminario TIC para Grandes Empresas e Organismos
O XI Seminario TIC para Grandes Empresas e Organismos, está organizado por Ednon unha compañía galega, radicada en Santiago, que factura anualmente 7,5 millóns de euros cunha una plantilla de 100 empregados.

As xornadas, reúnen esta fin de semana en Santiago aos representantes das principais multinacionais do sector tecnolóxico que operan en España Microsoft, Intel, Cisco, CommScope ou EMC xunto con representantes de 6 autonomías, deputacións e outras entidades públicas, ademais do Goberno de Panamá.