Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Máis de 6.200 persoas e preto de 700 empresas beneficiáronse das actividades do GaiásTech, o centro da Xunta para impulsar a transformación dixital

• Inaugurado en xuño de 2021, na Cidade da Cultura, leva celebradas máis de 150 actividades
• Ten ao dispor de cidadáns, empresas e entidades un Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia con información sobre máis de 300 empresas do sector TIC
• O GaiásTech é un espazo dedicado á demostración e á experimentación en tecnoloxías avanzadas


Máis de 6.200 persoas e preto 700 empresas beneficiáronse das actividades do centro GaiásTech en ano e medio. Desde a súa posta en marcha en xuño de 2021 e ata decembro de 2022, o Gaiástech organizou máis de 150 actividades. O Centro, situado na Cidade da Cultura de Galicia, concibiuse como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías avanzadas e de concentración do coñecemento ao servizo da transformación dixital das empresas, das administracións e da sociedade galega.

O centro está á disposición das máis de 3.800 empresas tecnolóxicas de Galicia e das máis de 24.000 persoas profesionais do sector TIC da nosa Comunidade. Ten tamén a función de fomentar as vocacións tecnolóxicas e a promoción e retención do talento dixital en Galicia.
 
A súa superficie, de máis de 500 metros cadrados, conta cun espazo de inmersión interactivo, orientado a experiencias de realidade virtual e aumentada así coma o uso de material disruptivo coma impresoras 3D, drons ou gafas de realidade virtual. Conta tamén con salas de ideación con equipos interactivos para acoller actividades e desenvolver proxectos.
 
O centro ofrece servizos como o GaiasTechCloud, para a realización de probas de software libre na nube, demostracións de solucións tecnolóxicas, reservas de espazos ou o desenvolvemento de xornadas temáticas. Incorpora tamén un servizo de vixilancia tecnolóxica para a identificación de tendencias dixitais. Funciona, así mesmo, como un centro de asesoramento que pon a disposición da industria e do coñecemento espazos para experimentación con equipos de realidades virtual e aumentada.
 
De xeito paralelo a este espazo físico, GaiásTech dispón dun “xemelgo dixital” no que se localiza a axenda tecnolóxica da Galicia, ademais de dispoñer dos seus propios espazos virtuais e actividades e permite a retransmisión e participación non presencial en calquera actividade.
 

Mapa de capacidades dixitais

O GaiásTech tamén ofrece un Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais, especialmente nas tecnoloxías disruptivas.

Actualmente, conta con 325 entidades, 478 produtos, 904 servizos e 77 tecnoloxías. Calquera empresa, centro tecnolóxico, universidade, colexio profesional ou asociación interesada pode darse de alta neste directorio, que ten o obxectivo de recoller toda a oferta tecnolóxica da comunidade.
 
A aplicación permite localizar empresas cun completo buscador, no que se poden aplicar múltiples filtros, que devolve ás entidades tanto en forma de lista coma xeorreferenciadas no mapa. Pódese acceder ao mapa desde calquera dispositivo, a través da web do GaiásTech.

O obxectivo desta iniciativa é o de potenciar o mercado TIC galego, potenciar as empresas do ecosistema, favorecer as relacións no sector e constituír un escaparate cara ao exterior.

GaiásTech é un dos instrumentos fundamentais da Estratexia Galicia Dixital 2030 para impulsar a especialización tecnolóxica, promover o talento dixital, fortalecer o hipersector TIC, impulsar as novas tecnoloxías disruptivas, como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a intelixencia do dato ou o 5G, e favorecer a súa adopción polos distintos sectores produtivo.

O centro e as súas actividades e servizos pódense coñecer a través da plataforma gaiastech.xunta.gal, que centra os seus contidos no impulso do ecosistema dixital galego.