Máis de 1.300 rapaces participarán desde mañá nos encontros con Papá Noel a través de videoconferncia da rede CeMIT
As aulas CeMIT de Celanova, Noia e Vilagarcía serán as primeiras en contactar con Laponia
Ata o día 19 nenos e nenas de 25 concellos galegos poderán facer as súas peticións de Nadal en tempo real
Máis de 1.300 rapaces de 35 centros educativos das catro provincias poderán falar con Papá Noel a través de videoconferencia grazas a unha iniciativa da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) que comeza mañá, mércores 12 e que rematará o 19 de decembro.
Un ano máis a Rede CeMit aproveita estas datas para brindar aos nenos de diversas localidades a oportunidade de manter unha videoconferencia con Papá Noel na que poderán pedirlle os seus regalos de Nadal. Este intercambio de mensaxes comezará mañá pola mañá con escolares de Celanova, Noia e Vilagarcía, que serán os primeiros en poder falar con Papa Noel en tempo real desde as aulas Cemit destas vilas.
Por toda Galicia
Ata o día 19 Papá Noel estará, a través de videoconferencia, cos nenos e nenas de Vimianzo, O Barco, Betanzos, Ourense, A Cañiza, Verín, Fisterra, Muros, Fonsagrada, Ponteareas, Foz, Barreiros, Becerreá, Abegondo, Oroso, Ortigueira, Quiroga, Marín, Santa Comba, A Estrada, Negreira e Pontedeume desde as aulas CeMit destes municipios.
Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel o alumnado do Centro de Educación Especial Miño de Ourense ou o Centro Pai Menni de persoas con discapacidade de Betanzos.
Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen, acurtando distancias e facendo posible a comunicación entre diversas localidades nun mesmo proxecto común.
A Rede CeMIt
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.