Galicia posiciónase no impulso ao 5G co desenvolvemento de 18 pilotos baseados nesta tecnoloxía

Venres 24 de Maio de 2019

Galicia posiciónase no impulso ao 5G co desenvolvemento de 18 pilotos baseados nesta tecnoloxía

• Realizaranse nas sete principais cidades galegas en ámbitos clave para Galicia como a sanidade, as emerxencias, o turismo ou a loita contra os incendios
• A directora da Amtega clausurou hoxe a XXIV Noite das Telecomunicacións, baixo o lema “A Converxencia tecnolóxica 5G”
• A Axencia puxo en marcha en xullo de 2018 o Plan Galicia 5 G, complementario ás medidas europeas e estatais

Desenvolveranse un total de 18 casos de uso e pilotos de 5G nas sete principais cidades galegas en ámbitos clave para Galicia como a sanidade, as emerxencias, o turismo ou a loita contra os incendios, entre outras.  Estas iniciativas dan resposta aos requirimentos de Europa aos Estados membros de realizar “casos de uso”, é dicir escenarios nos que se probe e pilote esta tecnoloxía, como paso previo á súa extensión. 

Así o explicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na clausura da XXIV Noite das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que organizan o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

No marco do Nodo 5G ao que están adheridos Vodafone, Telefónica, Orange e a Universidade de Vigo, vanse a realizar 9 casos de uso baseados en tecnoloxía 5G,  cun investimento total de 2 millóns de euros.

A estas iniciativas hai que sumar outras 9 subvencionadas por Red.es a Telefónica para desenvolver tamén na Comunidade, e que suporán un investimento público privado de 11,5 millóns de euros en pilotos.

Plan Galicia 5G
A  Amtega  puxo en marcha en  xullo de 2018 o Plan Galicia 5G, complementario ás medidas europeas e estatais, cun  dobre obxectivo: por unha banda, que Galicia sexa das primeiras rexións europeas en dispoñer de servizos 5 G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesaria para desenvolver posibles casos de uso desta tecnoloxía localícese na Comunidade.

Unha das primeiras medidas do Plan foi a posta en marcha o pasado mes de novembro do  Nodo de Cooperación 5G cun convenio asinado por  Orange, Vodafone e Telefónica. Outra das medidas do Plan é a relacionada coa formación. Galicia contará a partir de setembro co primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas a adhesión da Universidade de Vigo ao Nodo de Cooperación 5G, a través dun convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a Amtega, a Universidade de Vigo e Retegal.

Estratexia Dixital de Galicia 2030
A directora da Amtega destacou que, ademais do 5G o Goberno galego quere aproveitar as tecnoloxías dixitais como  a intelixencia artificial,  a Internet das cousas, a intelixencia do dato ou a ciberseguridade... para conseguir uns sectores produtivos máis competitivos que poidan facer fronte aos desafíos da globalización; ofrecer solucións as necesidades derivadas do reto demográfico; contribuír a un desenvolvemento máis sostible que protexa o medio ambiente; fomentar a capacitación dixital das persoas para que poidan facer fronte aos retos laborais e sociais derivados da transformación dixital.

Con este obxectivo vense de aprobar o proceso de lanzamento da Estratexia Dixital de Galicia 2030. Con esta nova folla de ruta para a vindeira década o Goberno galego reafirma o compromiso e aposta polo tecnoloxía adquirido en 2009, e que se foi renovando e reforzando cos diferentes obxectivos marcados nas dúas Axendas Dixitais de Galicia.