Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

Galicia avanza na dixitalización das súas lonxas cun investimento de arredor de 6 millóns de euros desde 2018

• A conselleira do Mar visitou os puntos de control do marisqueo de Lourizán e Lourido e a lonxa de Campelo
• Un total de 35 centros de primeira venda da comunidade contan xa co Programa Primare, impulsado pola Consellería do Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e que integra os sistemas de xestión, comercialización e emisión de notas de venda dos produtos do mar
• Rosa Quintana subliñou que a súa instalación na lonxa de Campelo e nos puntos de control do marisqueo asociados a ela é un fito importante na aposta polas últimas tecnoloxías do sector pois permite rexistrar a pé de praia as capturas do marisqueo, sen necesidade de agardar á chegada a porto
• O sistema informático vixente axiliza as xestións e facilita tanto o labor dos profesionais do mar como o control e seguimento da actividade extractiva
• A Xunta investirá máis de 600.000 euros nas obras de ampliación da lonxa de Campelo, que se atopan en pleno proceso de licitación


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe os puntos de control do marisqueo de Lourizán e de Lourido, na ría de Pontevedra, así como a lonxa de Campelo, en Poio, para comprobar o funcionamento do Programa Primare, a plataforma tecnolóxica única que integra os sistemas de xestión, comercialización e emisión de notas de venda dos produtos do mar. Esta ferramenta, impulsada pola Consellería do Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), está implantada xa en 35 lonxas galegas cun investimento desde 2018 de arredor de seis millóns de euros.

A titular de Mar salientou que a dixitalización da lonxa de Campelo supón un fito importante na implantación das últimas tecnoloxías no sector pesqueiro e marisqueiro galego pois deu resposta ás peculiaridades dun centro de primeira venda xestionado por tres confrarías diferentes, a de Lourizán, a de Raxó e a de Pontevedra. Os profesionais do marisqueo destas tres entidades adoitan traballar de forma simultánea nos bancos dos Praceres, Lourido ou Combarro, polo que foi necesario dotar os puntos de control das infraestruturas informáticas e da conexión a internet necesarias para poder operar directamente desde eles co Programa Primare.

Rosa Quintana incidiu en que, deste xeito, as capturas do marisqueo a pé se rexistran directamente nos puntos de control ao carón das praias, sen necesidade de agardar á súa chegada á lonxa. Isto axiliza as xestións e facilita tanto o labor dos profesionais do mar como o control e seguimento das capturas.

A representante do Executivo galego explicou que o Programa Primare Lonxas 4.0 promove o desenvolvemento do medio mariño a través de solucións tecnolóxicas innovadoras para conseguir unha actividade do sector primario galego máis sostible e contribuír a aumentar a súa competitividade.

A conselleira do Mar lembrou que este programa inclúe tamén un novo sistema de xestión da actividade das lonxas que lles facilita os trámites en eidos como a contabilidade, a facturación, os pagos de impostos ás distintas administracións ou as xestións sociais, entre outras. Trátase de algo fundamental para centros de primeira venda con importantes volumes de produto comercializado como pode ser o caso de Campelo, que o ano pasado poxou máis de 520 toneladas de produtos do mar e superou os sete millóns de euros de facturación, a súa segunda maior cifra de ingresos desde 2009.

Durante 2022 está previsto potenciar este Programa con novas facilidades e posibilidades, como a imaxe nas poxas, así como analizar a súa extensión a novas lonxas e confrarías; todo isto no marco da nova Estratexia Dixital de Galicia 2030 que recolle un programa específico de innovación dixital para a potenciación do medio rural, desenvolvendo unha actividade agropecuaria e pesqueira máis sostible.
 

Obras na lonxa
A titular de Mar, que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, estivo tamén na lonxa de Campelo, onde a Xunta vai investir máis de 600.000 euros nas obras de ampliación e mellora do inmoble. Portos de Galicia xa iniciou o procedemento de licitación dos traballos e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata mediados desta semana.

O obxectivo das actuacións no edificio é acondicionar e ampliar a zona de uso administrativo existente na actualidade para satisfacer as demandas dos usuarios e traballadores do inmoble, pertencentes ás tres confrarías de pescadores que xestionan a lonxa. Con esa finalidade, ampliarase o inmoble no extremo sueste, sobre a zona de acceso e aparcadoiro, e introduciranse melloras para avanzar en aspectos como a accesibilidade e os servizos aos usuarios