Conde destaca que a formación tecnolóxica dos traballadores será clave para adaptar Galicia á industria 4.0

Xoves 26 de Novembro de 2015

Conde destaca que a formación tecnolóxica dos traballadores será clave para adaptar Galicia á industria 4.0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria participou no encontro “Vuelve el mundo que viene”, organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección no marco do programa Capacita, e que contou con representantes de empresas como Google ou Linkedin.

Subliña a aposta polas TICs como tecnoloxía transversal que impulsen a implantación en Galicia da fábrica intelixente, a partir de medidas como o concurso de ideas para proxectos piloto sobre o novo modelo de factoría, ou o programa de apoios Fabricación Avanzada 4.0.

Subliña que “só seremos capaces de adaptarnos ao cambio se contamos cun sector produtivo aliñado coas necesidades e valores da sociedade”.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que a formación tecnolóxica dos traballadores será clave para que Galicia se adapte á Industria 4.0, que pivota en torno á implantación da fábrica intelixente. Conde participou na xornada Vuelve el mundo que viene, organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección no marco do programa da Xunta Capacita, e que contou con representantes de empresas como Google, General Electrics ou Linkedin, ademais de institucións como o Real Instituto Elcano.

Conde subliñou os “cambios disruptivos que están a piques de modificar a nosa economía, e con ela o noso tecido industrial”, a sinalou a necesidade de investir en talento e novas tecnoloxías para “non só adaptarse ao cambio, senón lideralo”. Galicia conta con varios programas de formación no eido da industria, que suman este ano 1.785 alumnos, aos que se sumarán novas iniciativas especialmente enfocadas á Industria 4.0. Neste senso, Conde resaltou que estas iniciativas formativas permitirán a “actualización dos traballadores das empresas galegas en ámbitos clave da Industria 4.0”, como robótica, sensorización, análise de datos, materiais avanzados, ou sistemas ciberfísicos, que complementan outros esforzos da administración como o impulso da Formación Profesional Dual.

Enmarcados na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que busca que a industria galega alcance o 20% do PIB e sume 50.000 novos empregos en 2020, estes programas se complementarán con outras iniciativas que buscan, de forma paralela, reforzar a innovación e o papel das Tics na adaptación a estes cambios. Neste senso, Conde lembrou que pronto se porán en marcha iniciativas como o concurso de ideas no que a Xunta elixirá a 4 proxectos piloto relacionados coa factoría intelixente, apoiándoos con 4 millóns de euros; e o programa Fabricación Avanzada 4.0, para implantar directamente as tecnoloxías necesarias nas pemes.

Conde resaltou tamén que “só seremos capaces de adaptarnos ao cambio se contamos cun sector produtivo aliñado coas necesidades e valores da sociedade”, e destacou a aposta da Xunta pola RSE, que vén de reforzarse coa primeira lonxa de investimento responsable, que suma 12 proxectos de emprendemento aliñados con valores como a responsabilidade ambiental e social.

Factoría, loxística, enerxía e produtos intelixentes
Unha revolución que, sinalou o conselleiro, se apoia sobre varios eixes: en primeiro lugar, a integración vertical de sistemas de produción intelixentes, que inclúe a fábrica intelixente, na que unha revolución transversal nos sistemas TIC permite unha conectividade inédita para reducir o os ciclos de innovación e os fallos na cadea de produción; a loxística intelixente; as redes intelixentes de enerxía; e os produtos intelixentes, capaces de comunicarse e interactuar co exterior.

O segundo eixe consistiría na a integración horizontal dunha nova xeración de redes globais de creación de valor, marcada pola colaboración entre empresas, que se adaptan de forma coordinada ás especificacións que esixe o consumidor.

E como terceira fronte, Conde destacou a reenxeñería de toda a cadea de valor e do ciclo de vida dun produto, grazas á aceleración de tecnoloxías novas ou que xa existían, como os avances en intelixencia artificial e conectividade, desembocando na chamado internet das cousas; a robótica avanzada; os novos sensores; os avances en virtualización; a impresión en 3D; e o Big Data.