Avogados e procuradores poderán descargar desde a sede electrónica xudicial as gravacións das vistas nas que interveñen

Sábado 17 de Agosto de 2019

Avogados e procuradores poderán descargar desde a sede electrónica xudicial as gravacións das vistas nas que interveñen

• Este servizo, que se está a probar desde o mes de abril en Lugo e Pontevedra, activarase progresivamente nos restantes órganos xudiciais a partir de setembro
• Facilita e axiliza o traballo dos profesionais, que evitan ter que acudir ao xulgado para recoller a gravación nun soporte físico
• O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos en liña do ámbito xudicial
• Desde hai un ano, os galegos xa se poden presentar desde a sede os procedementos monitorios
• Tamén poden consultar situación dos expedientes dos que son parte no espazo “a miña carpeta”
• Ademais, a sede permite comprobar a autenticidade de documentos electrónicos emitidos pola Administración de Xustiza en Galicia e dar de alta apoderamentos de xeito electrónico

Avogados e procuradores poderán descargar as gravacións das vistas das que son parte a través da sede electrónica xudicial. É unha das novas funcionalidades da sede, que se vén probando desde o pasado mes de abril en xulgados de Lugo e Pontevedra. Tras esta fase de probas, a previsión é habilitar o servizo para o resto dos xulgados galegos, de forma progresiva, a partir do mes de setembro.  

O acceso ás gravacións das vistas está restrinxida aos profesionais que interveñen neses procedementos e que poderán descargalas identificándose con certificados dixitais compatibles coa sede electrónica xudicial e cun sistema de códigos facilitado polo órgano xudicial no que ten lugar o procedemento. A posta en marcha deste novo servizo online evita aos profesionais ter que acudir ao xulgado para recoller a gravación nun soporte físico. Cómpre destacar, que nos primeiros seis meses do ano realizáronse preto de 46.000 gravacións de vistas nos xulgados galegos

Preto de 800 monitorios online
A sede electrónica xudicial entrou en funcionamento a finais de 2016 e desde entón foi incrementando os servizos dispoñibles co obxectivo de consolidarse como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos en liña do ámbito xudicial.

Unha das últimas funcionalidades habilitadas foi a presentación dos procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador. No que levamos de ano, xa se presentaron preto de 800 escritos en liña. 

Ademais, a través de https://sede.xustiza.gal os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo “a miña carpeta”.

Na sede tamén se pode comprobar a autenticidade e integridade de documentos electrónicos emitidos pola Administración de Xustiza en Galicia, e dar de alta un aproderamento de xeito electrónico rexistrar un apoderamento apud acta O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial.  

Cómpre lembrar que a sede está accesible tamén a través do portal  xustiza.gal, no que están dispoñibles a axenda de sinalamentos de vistas, o calendario de gardas a calculadora de taxas xudiciais ou o censo de letrados 

Plan Senda
A posta en marcha da sede xudicial electrónica foi un dos fitos previstos previstos no Plan Senda 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e os profesionais do eido xudicial. 

Cun orzamento de máis 26,6 millóns de euros o Plan Senda 2020 é a estratexia para consolidar a o traballo previo realizado no Plan Senda 2014 e que sentou as bases do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia, onde están en marcha todas as pezas que permitirán unha xustiza integramente dixital.