Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

As mulleres representan preto do 34% dos traballadores do Hipersector TIC galego

• En 2018 o número de mulleres que se incorporaron ao Hipersector TIC incrementouse en 354 empregos fronte aos 981 novos postos ocupados por homes
• A maior presenza de traballadoras está no sector dos contidos que aglutina a preto do 42% das mulleres, mentres que no sector TIC a porcentaxe de emprego feminino está por debaixo do 32%
• Máis do 26% dos traballadores do sector TIC son homes que contan cunha titulación tecnolóxica fronte ao 7% de mulleres coa mesma formación académica
• Un 15,2% das empresas TIC galegas contan con mulleres directivas en postos de dirección
• Son datos do estudo temático “As mulleres no sector TIC. Edición 2018”, publicado polo Osimga
• O Plan DigiTalent contempla iniciativas que inciden na fenda dixital de xénero


No ano 2018 a porcentaxe de mulleres traballadoras no Hipersector TIC, que integra os sectores tecnolóxico e de contidos, é do 33,9%, o que representa un total de 7.891 mulleres. O sector contidos é o ámbito no que as mulleres contan cunha maior representación, acadando o 41,9%, mentres que no sector TIC a porcentaxe é do 31,6%. 

En termos evolutivos, no ano 2018, produciuse un crecemento significativo do emprego das mulleres no Hipersector TIC. As afiliacións á Seguridade Social no Hipersector TIC incrementáronse no 2018 en 1.335 persoas (6,1%). Delas, 354 eran mulleres, o que supón un incremento do 4,7%. 

Ese incremento de traballadoras produciuse principalmente no sector TIC, con 326 novos empregos femininos (aumento do 6%), mentres que, no sector Contidos, a cifra mantívose moi similar á do ano 2017 (28 mulleres máis, un 1,3% máis que o ano anterior).   

O incremento no emprego procede, principalmente, dun maior volume de traballadores do Réxime Xeral, cun aumento do 6,8% mentres que no Réxime Especial de Autónomos o incremento foi do 2,5%. 

Estas son algunhas das conclusións recollidas nunha nova edición do estudo temático “As mulleres e as TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A fenda de xénero no sector contidos é máis reducida que no sector TIC
No caso concreto do Sector TIC, o número de mulleres afiliadas á Seguridade Social aumenta o seu número absoluto, acadando no ano 2018 as 5.734 traballadoras cun incremento dun 6% respecto ao ano 2017. Non obstante, a fenda de xénero continúa nunha liña de crecemento porque o ritmo de aumento do emprego masculino é superior (8,5%).

O subsector das telecomunicacións é o que conta cunha maior porcentaxe de mulleres, acadando o 38,5% de traballadoras femininas. Por riba do 30% de persoal feminino tamén se sitúa nas empresas dedicadas ás Actividades Informáticas.

O sector contidos, un ano máis, é o que rexistra un maior equilibrio entre homes e mulleres, aínda que a balanza continúa a favor do xénero masculino. A porcentaxe de mulleres neste sector sitúase no 41,9% e da emprego a 2.157 mulleres. A fenda de xénero no sector contidos supera os 16 puntos porcentuais. Non obstante, no 2018 reduciuse a fenda de xénero, en 0,4 puntos porcentuais.

Tanto no sector TIC como no sector contidos, a fenda de xénero é superior no ámbito dos emprendedores  que no caso do réxime xeral. 

A formación académica e os roles das mulleres nas empresas TIC galegas
Mentres que o 26,7% dos traballadores do sector TIC son homes que contan cunha titulación TIC, só o 7,2% dos traballadores son mulleres que dispoñen da mesma formación académica. Tamén cabe salientar a significativa fenda existente nos ciclos formativos superiores TIC: 18,4% de homes fronte a tan só un 3,9% de mulleres.

A presenza de mulleres nas distintas áreas funcionais das compañías do sector tecnolóxico galego non é homoxénea.  Así, só o 9,7% das mulleres desenvolve funcións TIC, fronte ao 40,9% dos homes, cunha fenda de mais de 31 puntos.  No caso das tarefas non TIC as mulleres están preto de acadar unha situación de equilibrio En relación ao persoal non dedicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (16,9%) é 4,3 puntos inferior á dos homes (21,2%)

O 15,2% das empresas TIC galegas contan con mulleres en postos de dirección, unha porcentaxe só testemuñal nun tipo de posto onde predomina os homes. Esta situación aínda se acentúa máis cando se analiza o persoal adicado a I+D+i: Un 87,7% dos traballadores dedicados a I+D+i son homes fronte ao 12,3% de mulleres. 

Plan Digitalent
En 2018 a Amtega en colaboración con diferentes axentes do sector puxo en marcha o Plan Digitalent, un plan integral para o fomento da vocacións STEM, e a especialización dos profesionais TIC  que combina distintas medidas  pensadas para cubrir para todo o ciclo vital da persoa, e con actuacións específicas para paliar a fenda de xénero nas profesións tecnolóxicas. 

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal