As familias galegas con menos recursos poden solicitar desde hoxe as axudas da Xunta para contratar internet no fogar

Luns 02 de Xaneiro de 2012

As familias galegas con menos recursos poden solicitar desde hoxe as axudas da Xunta para contratar internet no fogar

Os posibles beneficiarios deberán contratar o servizo de Internet coas entidades colaboradoras neste programa, actualmente Telefónica e R

Poden solicitar información nos teléfonos gratuítos 1004 de Telefónica e 1445 de R ou acudir as oficinas de venda destes operadores

Están dirixidas ás familias residentes en Galicia cunha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 euros

Concédese unha única subvención por unidade familiar do 40% do custe da tarifa mensual de conexión durante un ano cunha contía máxima de 180€

A Secretaría Xeral de Modernización investirá máis de medio millón de euros en 2012 na execución destas axudas

Desde hoxe as familias galegas cunha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 euros poderán acceder ao programa de axudas para contratar Internet nos seus fogares. Os posibles beneficiarios deberán contratar o servizo de Internet con R ou Telefónica, que son as empresas que na actualidade completaron os trámites para acadar a condición de entidades colaboradoras desta iniciativa.

Os interesados poden solicitar información nos teléfonos gratuítos 1004 de Telefónica e 1445 de R ou acudir as oficinas de venda destes operadores, que se encargarán de xestionar a subvención. Segundo establece a convocatoria, no ano 2012 o prazo de presentación de solicitudes quedará aberto desde o 2 de xaneiro ata o 30 de setembro, ou ata que se esgote o crédito orzamentario.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destina este ano un orzamento superior aos 570.000 euros a esta iniciativa que permitirá subvencionar a contratación deste servizo a máis de 3.000 familias.

Beneficiarios das axudas

Os beneficiarios destas axudas serán as familias residentes en Galicia, que teñan unha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 € e que soliciten unha nova alta de acceso ás entidades colaboradoras da iniciativa, actualmente R e Telefónica. Para iso, a Xunta puxo a súa disposición unha plataforma telemática para garantir unha xestión totalmente electrónica das subvencións.

Para poder acceder á subvención, será condición obrigatoria que no domicilio non houbese contratada ningunha conexión a Internet no momento de efectuar a solicitude nin polo menos nos tres meses anteriores.

Importe e tramitación das axudas

O programa establece a concesión dunha única subvención por unidade familiar do 40% do custe da tarifa mensual de conexión a Internet a partir do segundo mes de servizo e ata completar un ano, cunha contía máxima de 180€ e condicionado á permanencia no servizo durante ese período. A alta de liña e o importe da primeira cota mensual será asumido pola entidade colaboradora.

Superar a barreira económica

Segundo datos do INE o custo da conexión é a terceira causa aducida en Galicia para non contratar o servizo de Internet no fogar. Este programa de axudas busca reducir as barreiras económicas de entrada ao uso da banda larga mediante apoios económicos de cara á contratación deste servizo para seguir axudando aos colectivos máis desfavorecidos e así garantir a igualdade de oportunidades no acceso á información..

Xunto coa eliminación da barreira económica a Xunta está a traballar na superación doutras dúas barreiras: a das infraestruturas de Telecomunicación co Plan de Banda Larga co que xa se reduciu nun terzo a poboación sen acceso a Internet na Comunidade; e a da formación, coa posta a disposición da cidadanía de instrumentos para o acceso as novas tecnoloxías como a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica.

Estas medidas intégranse nas actuacións da Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, a folla de ruta do Goberno galego en materia tecnolóxica para integrar as TIC na sociedade galega e eliminar a fenda dixital na Comunidade.