As catro iniciativas participantes na aceleradora de contidos dixitais ‘Startups R DiCo Challenge’ preséntanlle os seus avances ao sector

Mércores 17 de Xullo de 2019

As catro iniciativas participantes na aceleradora de contidos dixitais ‘Startups R DiCo Challenge’ preséntanlle os seus avances ao sector

• Esta mañá celebrouse na Cidade da Cultura a xornada “Demo Day”, que pecha a primeira edición do programa desta aceleradora, enmarcada no Plan de Impulso aos Contidos Dixitais, Dico Mindset, da Amtega
• Tras seis meses de mentorización, os 4 proxectos exhibiron os seus avances ante empresas e potenciais clientes dos seus servizos
• Foron os finalistas das 42 propostas que se presentaron aos cinco retos tecnolóxicos lanzados o pasado mes de decembro

Esta mañá celebrouse na Cidade de Cultura, en Santiago de Compostela, o  “Demo Day”,  a xornada que pecha a primeira edición do programa de startupsR DiCo Challenge. O xefe do Departamento de Innovación Tecnolóxica da Amtega, Eladio Otero, e máis o responsable de servizos de Transformación Dixital de R e do Grupo Euskaltel, Alberto Díaz Freire, abriron a “demo”, na que os 4 proxectos desenvolvidos expuxeron, ante representantes do sector TIC e audiovisual, os logros e avances obtidos tras o seu paso pola aceleradora.

Eladio Otero, xefe do Departamento de Innovación Tecnolóxica da Amtega lembrou que “startupsR Dico Challenge se enmarca no Plan Dico Mindset para promover o sector dos contidos dixitais en Galicia; unha estratexia impulsada dende a Administración Autonómica en colaboración co Clúster TIC e do Audiovisual de Galicia para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina arredor de 900 empresas con preto de 5.400 empregados”. 

Pola súa banda, Alberto Díaz Freire salientou que “xunto aos retos de referencia dos 4 proxectos desenvolvidos con éxito durante estes meses, consideramos igualmente acadado o reto primeiro de R: levar adiante esta primeira edición do programa startupsR DiCo Challenge, un plan con vocación de futuro para atopar talento emprendedor en Galicia e fornecer dun novo empurre os contidos dixitais na nosa comunidade”.

Ao remate das presentacións, o responsable de Audiovisuais de R e do Grupo Euskaltel, Javier Rodríguez, puxo o acento na “importancia da relación entre os equipos dos proxectos e os mentores, factor que ten sido o verdadeiro motor do traballo ao longo dos catro meses da fase de aceleración, co foco sempre posto en solucións viables e aplicables ao sector dos contidos profesionais e pensando, en suma, nos usuarios finais”. 

As catro ideas “aceleradas”
Durante algo máis dun hora, da man de mentores e voceiros dos equipos dos proxectos, o auditorio coñeceu o detalle das ideas desenvolvidos no programa startupsR DiCo Challenge:
xogos para a mente, teatro en realidade virtual, trámites áxiles e intelixencia televisiva.

Na contorna das aplicacións para Android TV, Norman Suárez, de Cuicui Studios defendeu o proxecto Brain Games, unha proposta de xogos e dinámicas deseñadas por pedagogos e validados cientificamente, para público infantil e adulto, que potencian a parte lúdica e nos permiten xogar, co mando da tele, a enredos para aumentar a nosa axilidade mental”.

Na área dos contidos formativos e divulgativos innovadores, Jorge Algora, de Adivina Producciones, explicou o proxecto Teatro Go. Trátase dun servizo de retransmisión en diferido de contidos culturais, especificamente teatrais, integrado na plataforma de contidos de R e baseado en tecnoloxías de realidade virtual en 180ª. 

Míkel Díaz, do centro tecnolóxico Gradiant, falou polo miúdo do proxecto ALiCE (www.alicebiometrics.com), un sistema de recoñecemento facial pensado para os clientes de R e doutras compañías. 

Finalmente, no eido do Big Data aplicado ao consumo televisivo, Mario Pérez –‘Galopiño’- de Datanimbo Consulting, mostrou os avances da súa proposta Visualización Big Data, que consiste na posta en marcha dun sistema de machine learning orientado a profundar no coñecemento das comunidades de programas de televisión. 

5 retos, 6 meses e 4 gañadores
Un total de 42 propostas (startups e emprendedores, pequenas e medianas empresas e algún centro tecnolóxico e universitario) responderon aos 5 retos tecnolóxicos lanzados o pasado decembro nos inicios da primeira edición de startupsR DiCo Challenge, que se pecha arestora tras 6 meses de traballo intenso. 

En febreiro, o comité avaliador (dous representantes de R, dous da Amtega e máis un da CRTVG, patrocinadora dun dos retos) escolleron 20 propostas que pasaron á fase de preaceleración. Durante varias semanas, os emprendedores escollidos mantiveron contacto directo cos seus mentores en obradoiros para preparar o seu modelo de negocio e a defensa da súa idea nunha xornada “Pitch Day” da que saíron os 4 proxectos definitivos que pasaron á fase de aceleración.

Daquela comezaron os procesos de mentorización, titorización, formación e seguimento durante 4 meses nos que os proxectos contaron tamén coa axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento do traballo. Utilizaron, así mesmo, o espazo startups R no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura e traballaron man a man con operador galego, podendo acceder á súa infraestrutura e modelo de negocio e ás súas instalacións, ademais de camiñar a carón de R durante este tempo, gañando en visibilidade. Parellamente, quen traballaron no reto patrocinado pola CRTVG contaron cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas.

Tras a xornada “Demo Day” celebrada esta mañá na Cidade da Cultura, onde os proxectos gañadores recolleron un premio en recoñecemento ao seu traballo ao longo destes seis meses, ábrese agora un período de saída progresiva da aceleradora de todos eles. 

Plan Dico Mindset
O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase no Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia (DICo Mindset), que ten entre os seus obxectivos establecer colaboracións entre empresas para abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados, ademais de lograr a visibilidade necesaria para o sector.