Agasol e a Amtega celebran o 17 de xuño a xornada colaboraTIC.gal para fomentar a colaboración empresarial con software libre

Venres 03 de Xuño de 2016

Agasol e a Amtega celebran o 17 de xuño a xornada colaboraTIC.gal para fomentar a colaboración empresarial con software libre

A primeira parte da xornada centrarase na difusión novos modelos de traballo entre o eido das tecnoloxías abertas e outros sectores empresariais

A segunda parte terá formato de speed-dating e está dirixido a empresas e profesionais con interese en coñecer e explorar novas vías de colaboración empresarial grazas ao software libre

O prazo de inscrición para participar como un dos relatores do speed-dating está aberto ata o 12 de xuño

A participación na primeira parte do encontro só está condicionada ao límite do aforo

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), están a organizar colaboraTIC.gal, unha xornada para difundir entre o sector empresarial o software libre e as posibilidades de colaboración e novas vías de financiamento para proxectos que empreguen tecnoloxías libres.

O encontro, que terá lugar o 17 de xuño na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, constará de dúas partes, a primeira, “vén escoitar”, centrada na exposición e presentación de boas prácticas no eido da colaboración entre o software libre e o tecido empresarial; e unha segunda parte, “vén falar e intercambiar”, en formato de speed-dating para favorecer encontros entre empresas de diferentes sectores fomentando a apertura de miras á hora de buscar colaboracións, clientes, provedores, etc. sempre en torno ao uso de tecnoloxías libres.

Vén escoitar
A xornada de mañá estará reservada para a celebración de diferentes mesas de experiencias na que se presentarán boas prácticas e casos de éxito de colaboración empresarial tratando temas como: as relacións cliente-proveedor, casos de éxito; cooperativismo e swl; modelos alternativos de financiamento de proxectos e modelos de colaboración empresariais e comunidade de swl. A asistencia a esta parte é totalmente gratuíta e está aberta ao público en xeral previa inscrición, condicionada unicamente ao aforo dispoñible e pode realizarse a través do enlace: http://colaboratic.gal/

Vén falar e intercambiar
A xornada de tarde está reservada para o speed-dating de cara a favorecer encontros entre empresas centradas no software libre e outros eidos do tecido empresarial (industrial, deseño, agro-gandeiro, pesqueiro, etc). Só poderán asistir ao speed-dating aquelas empresas/proxectos seleccionados de entre as solicitudes recibidas conforme ás bases publicadas (http://colaboratic.gal/Bases_ColaboraTICgal.pdf).

Por parte do sector das tecnoloxías abertas poden presentarse representantes de empresas galegas (e profesionais autónomos) desenvolvedoras e/ou comercializadoras de solucións en código aberto.

Por parte do resto de sectores (non pertencentes ao sector tecnolóxico en sentido estrito) poden participar representantes de empresas galegas (e profesionais autónomos) dos sectores produtivos galegos que consideren que as tecnoloxías libres poden ser un bo aliado para o desenvolvemento de proxectos e accións conxuntas favorecendo así a súa transformación dixital.

De todas as solicitudes recibidas antes do 12 de xuño a través da web da xornada (http://colaboratic.gal/#polatarde) seleccionaranse 10 empresas/proxectos de software libre e 10 empresas/proxectos doutros eidos, que participarán no speed-dating.

Obxectivos
ColaboraTIC.gal defínense como un espazo onde ver, escoitar e amosar experiencias de colaboración entre os eidos das tecnoloxías abertas e o tecido empresarial. O obxectivo é que as empresas participantes sexan quen de identificar fontes de innovación en eidos onde non acostuman mirar, que poidan dispoñer dun novo espazo de interrelación e visibilización das súas empresas e proxectos, con enfoques menos tradicionais, máis creativos e innovadores.

O resultado esperado é que empresas que non se coñecían entre si manteñan o contacto despois da xornada para desenvolver proxectos conxuntos, e que o Software Libre teña novos referentes sectoriais (sector agrario, industrial, creativo e artístico, etc.) á hora de desenvolver os proxectos, busca de clientes, etc

Esta xornada forma parte das actuacións que AGASOL desenvolve en colaboración coa Amtega ao abeiro do convenio de colaboración asinado para a difusión do software libre en Galicia e forma parte do Plan de Acción en materia de software libre 2016 da Amtega.