A Xunta xestionará no 2013 unha única rede dixital de comunicacións que dará servizo a todos os colectivos de emerxencia de Galicia

Luns 28 de Novembro de 2011

A Xunta xestionará no 2013 unha única rede dixital de comunicacións que dará servizo a todos os colectivos de emerxencia de Galicia

Mellorará a coordinación e a xestión das situacións de emerxencia e a eficacia e a calidade do servizo ofrecido ao cidadáns nestas circunstancias

Ofrecerá unha cobertura mínima para o 80 % do territorio e o 85 % da poboación

Empregará o estándar TETRA, recomendado a nivel europeo para este tipo de redes de seguridade

Garante as comunicacións en casos de saturación das redes móbiles ou fixas e posibilita a incorporación de diversos servizos como a xeolocalización dos efectivos a través de GPS ou o envío de datos

Empregará as infraestruturas do operador público RETEGAL, permitindo un aforro de 37 millóns de euros en 10 anos respecto ao uso de redes comerciais

A rede materialízase grazas a un convenio asinado recentemente entre os representantes da Consellerías de Presidencia e Administracións Públicas, Medio Rural, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a entidade pública empresarial red.es

Conta cun investimento de 6,5 millóns de euros ata 2013 dos cales a Xunta achegará preto de 2 millóns e o resto red.es, grazas á contribución do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A Xunta de Galicia contará no 2013 cunha rede de emerxencias propia que integrará a todos os colectivos que participan na resolución deste tipo de situacións. A nova unha rede dixital facilitará unha intervención efectiva e eficaz dos efectivos implicados e simplificará as tarefas de coordinación entre eles. A rede empregará o estándar TETRA, a tecnoloxía recomendada a nivel europeo para este tipo de comunicacións vinculadas á seguridade pública e empregada en centos de redes de máis de 100 países.

A posta en marcha desta nova rede xurde para dar resposta á implantación de novos servizos acordes coa capacidade e necesidades actuais dos servizos de emerxencias. Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa os conselleiros de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o director Xeral de red.es, Carlos Cano.

Dispoñibilidade en situacións extremas
O novo sistema garante a súa dispoñibilidade e a comunicación en situacións extremas ou en casos de saturación das redes móbiles ou fixas. Entre as vantaxes desta tecnoloxía cómpre destacar que permite o acceso instantáneo á rede, posibilita a incorporación de diversos servizos como a xeolocalización dos efectivos a través de GPS, o envío de sms a persoas ou grupos, o envío de datos, a consulta de bases de datos, comunicacións encriptadas e a gravación de conversas. Ademais, os dispositivos móbiles que se empregan están adaptados a condicións extremas.

O número inicial de usuario estimados entre efectivos de Protección Civil, Axega, Policía Autonómica, 112, Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF), Grumir, bombeiros e 061 é de 5.000, que se prevé que cheguen aos 8.000 nun período de 3 a 5 anos. Esta rede porase a disposición doutros organismos públicos, como deputacións ou concellos, conseguindo deste xeito, unha maior coordinación dos distintos servizos de emerxencias.

Cobertura e investimento
A rede, que estará implantada en 2013, ofrecerá unha cobertura mínima para o 80 % do territorio e o 85 % da poboación, de xeito que ademais de incrementar a cobertura actual do territorio nas accións de prevención e defensa contra os incendios forestais, garantirá un alto grao de cobertura nas principais vías de comunicación, portos, aeroportos e zonas industriais de especial risco. Ademais, existirá unha antena TETRA transportable para un despregamento rápido de cobertura en caso de emerxencia nunha zona que non dispoña da mesma.

O investimento ata 2013 será de 6.525.000 €, dos cales 4.567.500 € serán achegados pola entidade pública empresarial red.es, grazas á contribución do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e 1.957.500 pola Xunta de Galicia, segundo ser recolle nun convenio asinado recentemente entre os representantes da Consellerías de Presidencia e Administracións Públicas, Medio Rural, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a entidade pública empresarial red.es.

Infraestruturas e xestión de Retegal
Para crear a nova rede de emerxencias despregaranse infraestruturas de telecomunicacións para o que se aproveitarán as implantadas no marco do Plan de Banda Larga e as redes do operador público Retegal, o que permitirá un aforro de 37 millóns de euros en 10 anos respecto ao uso de redes comerciais. A empresa pública será a encargada de xestionar a rede dixital de emerxencias.

Coa creación desta rede a Xunta disporá dun sistema que permitirá intercomunicacións inmediatas entre os distintos operativos de emerxencias de Galicia, mellorando as accións de coordinación entre eles, e substituirá os actuais sistemas analóxicos por sistemas dixitais, de acordo coa normativa recomendada a nivel europeo.

Esta medida encaixa dentro do proceso de mellora das infraestruturas de telecomunicacións que está a levar a cabo a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, para conseguir unha Comunidade conectada que poida acceder aos novos servizos da sociedade da información e tamén proporcionalos dende a propia Administración autonómica.