Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta ten en marcha máis do 82% dos proxectos para a trasformación dixital financiados co mecanismo de recuperación e resiliencia

• Dos 147,7 millóns de euros xestionados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia están activados expedientes por un importe de case 122 millóns
• Case o 73 cento do importe desas actuacións en marcha corresponden a proxectos que xa están licitados, en fase de execución ou executados, o que representa case 89 millóns de euros
• Os fondos do MRR permiten a posta en marcha de 26 liñas de acción enmarcadas na Estratexia Galicia Dixital 2030
• Entre as iniciativas en fase de execución destacan o proxecto do novo Centro de Procesamento de Datos da Xunta ou o que permitirá completar a dotación a todo o sistema educativo público non universitario de aulas dixitais actualizadas
• Na fase de licitación atópanse actuacións como as que completarán a dixitalización da Xustiza en Galicia ou o proxecto para a construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia activou xa expedientes por importe de 121,9 millóns de euros correspondentes a actuacións financiadas co Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). En total, a Axencia xestiona 147,7 millóns procedentes do MRR, polo que na actualidade están xa en marcha os proxectos correspondentes ao 82,54% desa cantidade.

Case o 73 cento do importe desas actuacións en marcha corresponden a proxectos que están licitados, en fase de execución ou executados, o que representa case 89 millóns de euros. Esta cifra inclúe os acordos marco xa formalizados ou en tramitación. Ademais, outros 10 millóns corresponden a axudas ou subvencións.  Os case 23 millóns restantes corresponden a expedientes que están nas primeiras fases da tramitación.

A Xunta deseñou e lanzou 26 liñas de acción cos fondos MRR que permitirán avanzar na transformación tecnolóxica no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030. Estas liñas de acción agrúpanse en 6 ámbitos: Administración dixital (48 M€), Educación dixital (54 M€), Mobilidade intelixente (6,2 M€), Dixitalización como apoio ao novo modelo de servizos sociais (11 M€) , Conectividade (19 M€) e Capacitación dixital (9,6 M€).

 

Administración e Xustiza dixital

Entre as actuacións sobre Administración dixital destaca o contrato para a redacción do proxecto e dirección da obra do novo Centro de Procesamento de Datos (PDR) Redundante da Xunta, que están en fase de execución. A obra completa implica un investimento de 16 millóns de euros e permitirá dotar de maior escalabilidade e estabilidade aos servizos prestados pola Administración pública electrónica.

Tamén no ámbito da Administración dixital está licitado e pendente de adxudicación o acordo marco para a posta en marcha da plataforma de automatización da Xunta de Galicia, por un importe de algo máis de 6 millóns de euros.

En fase de adxudicación está o contrato para a redacción do proxecto e execución do novo Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que implicará uns investimentos que suman uns 4,5 millóns de euros.

Os proxectos financiados cos MRR permitirán tamén completar o proceso de dixitalización da Xustiza, que en 2023 contará con todas as salas de vista dixitais. Neste sentido, no marco do MRR está en fase de presentación de ofertas a dotación de equipamento multimedia para 120 salas polivalentes e a dotación de equipamento de oficinas con servizo de atención á cidadanía, cunha dotación de algo máis de 1 millón de euros.

 

Educación dixital

Os fondos MRR permiten financiar dúas liñas de acción no ámbito da Educación: o Programa para a dixitalización do sistema educativo e a Dotación de dispositivos portátiles para reducir a fenda dixital do alumnado.

Está xa formalizado o acordo marco que permitirá a renovación e dotación das aulas dixitais no sistema de educación público de Galicia por un importe de 12,5 millóns de euros e está tramitación outro acordo marco para o mesmo fin por importe de 23,8 millóns de euros. Ambas actuacións permitirán que todas as aulas do sistema educativo público non universitario de Galicia sexan dixitais e conten con equipamentos renovados.

En fase de execución atópase o contrato de subministración de ordenadores ultraportátiles para alumnado no marco do proxecto Abalar-Edixgal, destinados a reducir a fenda dixital, por un importe de 9,55 millóns de euros.

 

Capacitación, Conectividade, Mobilidade e Política Social

En fase de presentación de ofertas atópase o servizo de apoio á formación e capacitación dixital á cidadanía por un importe de 8,72 millóns de euros, adaptado ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais que entrou en vigor a principios deste ano.

Os fondos MRR permitirán tamén complementar as actuacións que leva a cabo o Estado para lograr os obxectivos de conectividade establecidos por Europa, como é o de dotar de internet de altas prestacións á toda a poboación e aos sectores produtivos. Neste sentido, están pendentes de adxudicación as subvencións para o reforzo da conectividade en polígonos industriais, por un importe de 4,3 millóns de euros.

Están xa publicadas as axudas mediante bonos dixitais para que os colectivos vulnerables teñan acceso a internet de calidade e pendente de publicación as axudas para a adecuación de infraestruturas de telecomunicación en edificios. Ambas suman 5,6 millóns de euros.

Outras actuacións destacadas financiadas co MRR son a Plataforma Galega de Mobilidade, que supón 5,73 millóns de euros e que está en prazo de presentación de ofertas ou a adaptación do sistema de xestión integral de centros de Política Social ao novo modelo de coidados de longa duración (1,79 millóns de euros), que está en fase de execución.