Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta recolle no novo portal iMit todas as súas iniciativas e servizos en materia de novas tecnoloxías

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica pon en marcha este proxecto que constitúe un espazo web de información útil para a sociedade galega. iMit responde aos obxectivos estratéxicos da Xunta de Galicia de coordinar e centralizar esforzos en materia TIC. A nova web recolle catro liñas de actuación prioritarias: o Goberno electrónico, as telecomunicacións, a dinamización do uso das TIC e o impulso ao sector empresarial da sociedade da información.

A Xunta de Galicia pon en marcha un novo portal, iMit, onde recolle todas as súas iniciativas e servizos en materia de tecnoloxías da nova información e a comunicación. O obxectivo deste proxecto é poñer ao servizo da sociedade galega un espazo web único de información en materia de sociedade da información e divulgar todas as actividades que se están a impulsar desde o Executivo autonómico nesta materia. 

Deste xeito, esta plataforma web iMit (http://imit.xunta.es), posta en marcha pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) nace co obxectivo de converterse no instrumento de referencia na comunicación e divulgación das diversas actividades que en materia de sociedade da información se realicen desde a Xunta de Galicia. 

Esta iniciativa responde á estratexia do Goberno galego no desenvolvemento e difusión da Sociedade da Información e as Comunicacións, unha estratexia integradora na que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica xoga o papel fundamental de desenvolver e coordinar todos os proxectos.  

Liñas de actuación prioritarias

Deste xeito, a SXMIT identificou catro liñas de actuación prioritarias que se recollen na nova web iMit: o Goberno electrónico, as telecomunicacións, a dinamización do uso das TIC e o impulso ao sector empresarial da sociedade da información. Neste sentido, e como reflexo destas prioridades, iMit concíbese como a canle de comunicación sobre os programas e proxectos que se están a levar a cabo nestes ámbitos por parte da Xunta de Galicia. 

Este espazo servirá, polo tanto, de punto de referencia para informar a toda a sociedade sobre os plans e servizos impulsados desde a Administración autonómica nestes ámbitos, ademais de divulgar outra información de interese sobre convenios de colaboración, noticias ou actos que se poñan en marcha. 

iMit pretende converterse así nun espazo útil e próximo á cidadanía, que satisfaga as actuais demandas sociais en materia de Sociedade da Información e que sirva de punto de partida no impulso que o Goberno galego está a dar ao desenvolvemento da S.I.nesta Comunidade.