A Xunta porá en marcha o ano que vén a nova plataforma Xesbío, que permitirá a xestión dixital da biomasa nas faixas secundarias

Venres 04 de Outubro de 2019

A Xunta porá en marcha o ano que vén a nova plataforma Xesbío, que permitirá a xestión dixital da biomasa nas faixas secundarias

• Substituirá a aplicación actual para permitir a trazabilidade nas actuacións de todas as partes implicadas, automatizar as notificacións a todos os interesados e axilizar a xestión dos concellos adheridos

O vindeiro ano a Xunta porá en funcionamento a nova plataforma Xesbío, que permitirá a xestión dixital da biomasa en faixas secundarias,  a trazabilidade nas actuacións de todas as partes implicadas (Xunta, concellos e entidade que executa os traballos subsidiarios), axilizar a xestión das entidades locais adheridas e automatizar as notificacións a todos os interesados. 

A plataforma, actualmente en fase de licitación, substituirá a aplicación actual que se habilitou para facilitar aos concellos o seguimento online das parcelas que integran as faixas secundarias do seu territorio.

Xestión integral
A nova plataforma Xesbío xestionará de xeito integral as actuacións que leva a cabo a Administración directa e  subsidiariamente; a organización e a execución das cortas, cando estas se teñan que producir;  así como o estado das tramitacións e xestións que se teñen realizado sobre as parcelas afectadas.

Ademais, tamén se está a analizar a posibilidade de desenvolver e incorporar á plataforma Xesbío, unha aplicación para dispositivos móbiles, como ferramenta de apoio para axilizar o traballo de campo que deben realizar os diferentes perfís implicados e que abranguen desde o rexistro da información de campo asociada, a consulta da mesma, ou o apoio en tarefas de información xeográfica e histórica. 

Cómpre lembrar que actualmente, os concellos adheridos a esta iniciativa teñen a súa disposición a aplicación Xesbío, unha ferramenta temporal que lles permite coñecer as parcelas que hai nas faixas secundarias do seu territorio e xestionar a comunicación cos respectivos titulares dunha forma máis áxil e sinxela que se o proceso se tivese que facer  en papel.