Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta pon hoxe en marcha a versión inicial da súa nova web institucional como primeiro paso do proxecto ‘Galicia na Rede’

A nova páxina reordena as áreas de portada, reestrutura as páxinas interiores. Esta primeira versión da web da Xunta activa unha enquisa aos cidadáns para recabar información sobre o perfil dos usuarios e as súas demandas. ‘Galicia na Rede’ continuará desenvolvéndose nos vindeiros meses co obxectivo de establecer un novo modelo de presenza da Administración Pública galega na Internet.

A Xunta de Galicia pon en marcha hoxe a versión inicial da súa nova páxina web institucional, no que constitúe o primeiro fito visible do desenvolvemento do proxecto ‘Galicia na rede’. Este programa, que foi aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de xullo, continuará a desenvolverse nos vindeiros meses co obxectivo de establecer un novo modelo da presenza da Administración pública galega na Internet.

O redeseño conceptual e visual de www.xunta.es busca converter o portal institucional na ferramenta de referencia da Administración fronte á cidadanía, un primeiro paso cara á nova posición da Xunta en internet, orientada a resaltar a súa misión como canle de información e servizos públicos á sociedade. O obxectivo é facilitar o acceso da cidadanía a toda a información e servizos da Xunta.

A primeira versión da nova web institucional que hoxe se pon en marcha supón unha reestruturación dos contidos existentes, co obxectivo de resaltar as áreas de servizos. Así, a nova web implica a reordenación das áreas de portada, a reestruturación das páxinas interiores e a incorporación dunha enquisa cara ao cidadán. Este cuestionario pretende obter información sobre o perfil do cidadán que se achega á Xunta a través da internet, así como dos servizos que agarda recibir a través desta canle desde a Administración pública.

A planificación do proxecto ‘Galicia na rede’ prevé que a comezos de 2010 estea xa dispoñible unha nova web institucional coa nova orientación como canle de comunicación co cidadán e como presenza da Administración e de Galicia na Internet. A partir dese momento, desenvolverase un plan específico de traballo con cada consellería, coa colaboración das distintas áreas, para acadar o obxectivo común de ofrecer mellores servizos aos cidadáns.

Reestruturación funcional dos contidos
O obxectivo non é unicamente un redeseño da imaxe da web institucional, senón que supón unha transformación na forma de estruturar os contidos, ordenándoos non segundo a estrutura organizativa da Xunta, senón en función de áreas temáticas ou de feitos vitais que simplifiquen o acceso nos servizos de interese.

A web resultante deste proceso converterase nun elemento fundamental no modelo de goberno electrónico da Xunta Galicia xa que se configurará como a canle de entrada ao portelo do cidadán e como soporte da sede electrónica.

Ademais do redeseño da páxina web, o proxecto ‘Galicia na Rede’ implica todas as web vencelladas á Administración autonómica. Este programa debe permitir compatibilizar un portal corporativo de referencias coas iniciativas na Internet que acometan as distintas consellerías, así como racionalizar os recursos humanos, tecnolóxicos e económicos destinados á presenza da Xunta na Internet.

‘Galicia na Rede’ supón, polo tanto, redeseñar o portal institucional da Xunta, mais tamén a elaboración dun documento de políticas web que deberán cumprir todas as iniciativas neste eido que xurdan nas distintas áreas da administración. Así mesmo, está prevista a definición e posta en marcha dos procedementos que permitan o soporte, mantemento e evolución ordenada de calquera iniciativa relacionada coa presenza na rede da Administración pública galega.

Comisión de Coordinación Web
O proxecto ‘Galicia na Rede’ está sendo dirixido pola Secretaría Xeral de Medios e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e, co obxectivo de abordar as seguintes fases do programa, constituirase unha Comisión de Coordinación Web da Xunta de Galicia.

As funcións deste órgano interdepartamental son promover a evolución do portal de acordo coas tecnoloxías e demandas sociais, velar polo cumprimento das políticas para a evolución ou adaptación ás necesidades das unidades usuarias, servirlles de referencia e soporte, e ofrecer os servizos de transferencia de coñecemento a nivel funcional e tecnolóxico.