A Xunta pon en marcha o Marco Galego de Competencias Dixitais coa Xornada Inaugural do plan de capacitación para o persoal formador na EGAP e na rede CeMIT

Mércores 14 de Decembro de 2022

A Xunta pon en marcha o Marco Galego de Competencias Dixitais coa Xornada Inaugural do plan de capacitación para o persoal formador na EGAP e na rede CeMIT

A Axencia para a Modernización de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública inauguran con este acto a capacitación dos primeiros formadores e formadoras do Marco galego de competencias dixitais

A xornada acadou un gran interese e foi seguida en formato presencial e en streaming por máis de 100 persoas formadoras na EGAP e na Rede CeMIT

O Marco galego de competencias dixitais é unha transposición e adaptación do Marco Europeo de Competencia dixital que acredite o nivel de aptitude dixital

Máis dun centenar de formadores e formadoras na EGAP e da Rede CeMIT participaron hoxe na Xornada  inaugural do Marco Galego de Competencias Dixitais celebrada no Edificio Fontán na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e retransmitida en streaming para facilitar a participación de todas as persoas interesadas.

Con este acto, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e no que tamén participou a Escola Galega de Administración Pública, deuse comezo á formación en ComDix dos Axentes TIC da Rede CeMIT e dos titores e titoras da EGAP -docentes que serán os encargados de formar nas competencias dixitais e na certificación asociada tanto á cidadanía coma ao persoal empregado público-.

Durante a xornada déronse a coñecer todos os detalles do novo Marco Galego de Competencias Dixitais, así como o papel que terá a Rede CeMIT e a EGAP coma entidades colaboradoras do novo Marco.

Para finalizar o acto, e antes do café networking dispoñible para todas as persoas asistentes, deuse paso a unha rolda de preguntas que permitiu aclarar as dúbidas formuladas sobre a posta en marcha do Marco galego de competencias dixitais.

Tras esta sesión, o persoal docente da Rede CeMIT e da EGAP poderá participar no curso online de autoformación “ComDix Iniciación - Formación para o persoal formador no Marco Galego de Competencias dixitais” e durante a segunda quincena de febreiro está prevista a realización do exame final presencial.
 

O Marco galego en liña co Marco europeo

OMarco Galego de Competencias Dixitaisestablece os coñecementos, habilidades e actitudes necesarios para desenvolverse no mundo dixital, tanto en ámbitos persoais, profesionais, educativos e de cidadanía. Está baseado no modelo DigComp, definido pola Unión Europea, adaptado á realidade e necesidades de Galicia.

Parte fundamental deste Marco é a Certificación Galega de Competencias Dixitais, co obxectivo de servir como sistema de acreditación da competencia dixital da cidadanía galega. Estruturarase en diferentes niveis de aptitude, do máis básico o máis avanzado, e permitirá reflexar o grado de coñecemento e habilidade dunha persoa respecto ao mundo dixital.

Esta iniciativa enmárcase dentro da Estratexia Galicia Dixital 2030, que busca aumentar a calidade de vida e o empoderamento da cidadanía a través do uso das tecnoloxías dixitais.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como organismo impulsor do Marco galego de competencias dixitais, tamén participará no “Estudo de Viabilidade dunha Certificación Europea de Habilidades Dixitais (EDSC)“ impulsado pola Comisión Europea.