Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta licita novos contidos para os tres vindeiros cursos en E-Dixgal

• Cun orzamento previsto de 2 millóns de euros o contrato, publicado hoxe, proporcionará dúas alternativas de contidos curriculares completos de 5ª de Primaria a 2º da ESO
• Para o vindeiro curso está previsto incrementar en 75 os centros educativos incorporados ao libro dixital e superar os 32.000 alumnos


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de licitar a contratación de novos contidos curriculares para a iniciativa do libro dixital, E-Dixgal, enmarcada no Proxecto Abalar. O pregos publicados hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia, recollen unha dotación de ata 2 millóns de euros para prover dúas alternativas de contidos curriculares completos dos cursos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO, para os tres vindeiros anos. 
 
Actualmente, os provedores destes contidos son Netex e Edebé, cuxo contrato remata a finais deste curso 2019/20, ademais de Pearson para os contidos da materia de Inglés e aulaPlaneta, ambos dispoñibles ata 2023.
 
Máis de 32.000 alumnos en E-Dixgal o vindeiro curso
A evolución de Abalar coa implantación da plataforma do libro dixital E-Dixgal permitiu que, a día de hoxe,  27.000 alumnos de  347 centros estuden con contidos dixitais.
 
Tras a convocatoria para adhesión de novos centros, publicada o pasado 20 de febreiro  pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a previsión é incrementar en 75 os centros incorporados á iniciativa e superar os 32.000 alumnos estudando con libro dixital.
 
Máis contidos dixitais
Ademais dos contidos curriculares, a plataforma do libro dixital enriquécese cos contidos do repositorio Abalar, con máis de 3.500 recursos dispoñibles en 7 idiomas e cos da iniciativa Dixit, unha das últimas liñas da iniciativa do libro dixital, que une a creatividade do profesorado coas últimas tecnoloxías coa colaboración do ecosistema dixital. O vindeiro curso incrementaranse os contidos Dixit, que xa está a producir recursos innovadores para as materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeología, Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Física e Química e Idiomas. 
 
Aplicacións, redes sociais e soporte
A aplicación abalarMóbil, que facilita a relación entre familias, profesorado e centros conta xa con máis de 197.000 usuarios rexistrados e preto de 400.000 descargas desde a súa posta en marcha. O profesorado conta tamén cunha rede profesional, Redeiras, na que máis de 11.000  docentes comparte un espazo de comunicación e colaboración para intercambiar ideas, propostas, recursos, actividades e iniciativas.
 
Un dos últimos servizos incorporados á iniciativa E-Dixgal foi o Soporte Premium 24x7 para familias, alumnos, centros e profesorado que  poden resolver calquera incidencia ou dúbida a través de diferentes canles (teléfono, e-mail, canles de mensaxería, técnicos in-situ, e a través dunha rede de 69 puntos físicos).