Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta investirá máis de 43 M€ no Plan senda 2025 para seguir avanzando no proceso de dixitalización da administración de xustiza

• Feijóo salienta que este investimento supón un 68% máis que o orzamento que tiveron os dous plans anteriores -Senda 2014 e Senda 2020-
• O Plan ten como obxectivo que o 100% das salas das vistas galegas sexan dixitais en 2023 para facilitar os actos procesuais telemáticos


O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, en rolda de prensa, que a Xunta investirá máis de 43 millóns de euros no III Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza –Senda 2025- co obxectivo de seguir avanzando no proceso de dixitalización.

Logo de salientar que este novo plan establece as medidas para garantir que tanto a cidadanía como calquera axente implicado nun proceso xudicial poida relacionarse telematicamente coa Administración de Xustiza, Feijóo explicou que os 43M€ que se investirán ata 2025 supoñen un 68% máis que o orzamento que tiveron os dous plans anteriores- Senda 2014 e Senda 2020-.

Nesa liña de lograr unha plena relación dixital coa cidadanía, a Sede Xudicial Electrónica incorporará novos servizos e ampliará os sistemas de autenticación -Chave365 ou Cl@ve-; habilitarase un acceso seguro dos cidadáns ou os profesionais que os representen ao expediente electrónico; poñerase á disposición dos usuarios un asistente virtual; estenderase a todos os servicios a opción de cita previa a través da Rede ou da app, e dixitalizaranse os servizos máis comúns que requiren dunha entrega ao destinatario como as citacións, notificacións ou emprazamentos.

A maiores, o Plan ten como obxectivo que o 100% das salas das vistas galegas sexan dixitais en 2023 para facilitar os actos procesuais telemáticos. Para acadalo implantaranse salas Gesell -garanten a declaración de vítimas e testemuñas vulnerables con protección e intimidade- nas sete grandes cidades e contemplarase a celebración de declaracións por videoconferencia.Tamén se pretende avanzar no Expediente Xudicial Electrónico Interoperable e no Goberno de dato e automatización.

No que atinxe ao persoal, o Plan Senda 2025 prevé a posta en marcha dunha plataforma de virtualización dos postos de traballo -Posto Dixital Avanzado- para garantir o acceso do persoal ás aplicacións e á información desde calquera lugar e de forma segura, e, ademais, continuará a formación en competencias dixitais.

Finalmente, Feijóo fixo fincapé na importancia de “garantir a ciberseguridade de toda a información xudicial dixitalizada e poder previr e adiantarse a posibles problemas de seguridade”.