A Xunta integrará na Memoria Dixital de Galicia preto de 340.000 imaxes e documentos do Catastro do Marqués da Ensenada e do diario ‘El Pueblo Gallego’

Sábado 29 de Xullo de 2017

A Xunta integrará na Memoria Dixital de Galicia preto de 340.000 imaxes e documentos do Catastro do Marqués da Ensenada e do diario ‘El Pueblo Gallego’

A iniciativa permitirá dixitalizar información catastral dos séculos XVIII e XIX, así como a colección completa do desaparecido xornal galego
Estes fondos documentais estarán dispoñibles para a súa consulta a través do portal Galiciana

A Xunta avanza na construción da Memoria Dixital de Galicia coa dixitalización de 338.000 imaxes e documentos procedentes do Catastro do Marqués de Ensenada, do Arquivo da Casa de Comercio e Banca Bengoechea e do xornal El Pueblo Gallego. O proceso de dixitalización destes fondos terá lugar durante os próximos 6 meses e ao seu remate estarán dispoñibles para a súa consulta a través do portal Galiciana, punto único de consulta dos fondos da biblioteca dixital e do arquivo dixital de Galicia.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Secretaría Xeral de Cultura ocuparanse da dixitalización destes documentos, á que destinan un orzamento de 200.000 euros. A iniciativa enmárcase na creación da Memoria Dixital de Galicia, na que está a traballar a Administración autonómica para consolidar un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia.

Dos 238.000 documentos que se dixitalizarán, uns 11.000 corresponden a 21 libros de entre 1820 e 1874 do Arquivo da Casa de Comercio e Banca Bengoechea, actualmente custodiados no Arquivo de Galicia.

Do Catastro do Marqués da Ensenada dixitalizaranse 189.000 imaxes e páxinas dos Libros Reais e de Persoal de Leigos e Esclesiásticos de entre 1752 e 1754. Estes documentos conteñen información sobre as propiedades destes sectores sociais con croques de situación dos bens raíces e de cada un dos bens (rústicos, pecuarios, urbanos), así como a filiación  de cada veciño cabeza de familia, co seu estado civil, idade, profesión, estamento e número de fillos.

As 139.000 imaxes restantes procederán do diario El Pueblo Gallego, grazas á dixitalización da colección completa deste periódico editado en Vigo entre os anos 1924 e 1979, e cuxos exemplares orixinais se atopan custodiados na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola. Trátase dunha das publicacións máis consultadas tanto en Galiciana como nas bibliotecas públicas galegas.

Memoria Dixital de Galicia

Esta iniciativa é unha das liñas da Memoria Dixital de Galicia, o proxecto posto en marcha polo Goberno galego o pasado ano para crear un novo modelo de xestión e conservación do patrimonio cultural galego baseado nas TIC. É unha estratexia impulsada desde o ámbito público, a través da Consellería de Cultura, Educación Ordenación Universitaria e da Amtega, en colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego.

A Memoria Dixital de Galicia aséntase en varios proxectos vinculados coa dixitalización e coa difusión do patrimonio cultural galego, entre os que destaca Galiciana. Este portal alberga tanto o arquivo dixital como a biblioteca dixital de Galicia, na que están accesibles actualmente máis de 1,8 millóns de páxinas e 175.000 obxectos dixitalizados procedentes de arquivos, museos, bibliotecas e outras coleccións. Ao abeiro da Memoria Dixital, o Goberno galego tamén está a levar a cabo actuacións vinculadas á recolección e á xeoreferenciación da toponimia, como o proxecto transfronteirizo Geoarpad, que permitirá xeolocalizar o patrimonio material e inmaterial de Galicia e do norte de Portugal.