A Xunta impulsa a agricultura dixital a través do Programa Primare

Xoves 27 de Outubro de 2016

A Xunta impulsa a agricultura dixital a través do Programa Primare

A Amtega, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, creará unha plataforma tecnolóxica que ofrecerá diferentes servizos dixitais para mellorar a competitividade do ámbito agrícola
Aplicará as últimas innovacións en tecnoloxías de BigData, sensorización e uso de drons para facilitar tanto o seguimento dixital dos cultivos como as inspeccións intelixentes
A adquisición da plataforma estase a realizar a través do proceso de compra pública innovadora para o que se abriu unha consulta preliminar ao mercado
Empresas do sector tecnolóxico e axentes do eido agrícola participaron hoxe nunha xuntanza técnica para coñecer os requisitos da convocatoria

Empresas do sector tecnolóxico e representantes de entidades do ámbito agrario participaron hoxe nunha xuntanza sobre a consulta pública ao mercado aberta pola Xunta para aplicar solucións tecnolóxicas innovadoras ao sector agrario. O encontro foi inaugurado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e a directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Ambos departamentos colaboran no desenvolvemento do Programa Primare, que contempla a creación dunha plataforma tecnolóxica sobre a que se desenvolverán distintos servizos e solucións TIC para impulsar a innovación dos sectores primarios galegos. No ámbito agrario o obxectivo é avanza cara unha agricultura dixital, incorporando a tecnoloxía á xestión agrogandeira para mellorar e optimizar a súa produción.

O desenvolvemento da plataforma estase a levar a cabo polo procedemento de Compra Pública Innovadora. Este procedemento permite ás entidades interesadas presentar propostas de solucións tecnolóxicas, que actualmente non existan no mercado como produtos comerciais, e que dean resposta ás problemáticas concretas expostas pola administración.

O primeiro paso deste proceso foi a apertura o pasado 26 de setembro dunha consulta preliminar ao mercado, que hoxe se presentou ao sector tecnolóxico na Cidade da Cultura. Unha vez finalizada esta fase de consulta definiranse os proxectos concretos e abrirase o período de licitacións públicas para obter a solución tecnolóxica que mellor responda as necesidades expostas.

Xestión dixital de cultivos e inspeccións intelixentes

Responsables da Amtega e Medio Rural expuxeron hoxe ás entidades interesadas en presentar iniciativas que o obxectivo é desenvolver a tecnoloxía axeitada para avanzar cara unha agricultura dixital. Para conseguilo a Administración quere contar cunha plataforma que dote de novas ferramentas tecnolóxicas tanto a produtores como a xestores. Por unha banda, facilitará a xestións das axudas da PAC, a través de inspeccións intelixentes, que axilizarán o labor anual que se realiza en máis de 100.000 de parcelas ao ano. Por outra banda, permitirá aos agricultores contar con ferramentas tecnolóxicas para facer un seguimento dixital das súas parcelas e cultivos e facilitar as xestións por vía telemática coa administración.

Para abordar este reto, será necesario facer uso das últimas innovacións en tecnoloxías de BigData, sensorización e uso de drons. A actuación liderada pola Amtega, en colaboración coa Consellería de Medio Rural, conta cun orzamento de total de 4 millóns de euros cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do programa operativo crecemento intelixente 2014-2020 (POCInt) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Economía e Competitividade, GAIN e a Amtega para o proxecto "CIVIL UAVs Initiative"

Programa Primare

O Programa Primare é unha iniciativa impulsada pola Amtega dentro dos retos da Axenda Dixital de Galicia 2020, en colaboración coas Consellerías de Medio Rural e de Mar. O seu obxectivo é aplicar as TIC ao desenvolvemento de solucións intelixentes para mellorar os procesos de explotación, xestión e produción agrícola e pesqueira, co fin de aumentar a competitividade destes sectores, mellorar o seu acceso e posicionamento nos mercados, previr a fraude e garantir a calidade, seguridade e trazabilidade dos produtos.

Xunto coa iniciativa orientada ao sector agrícola, iniciouse tamén no ámbito do Mar o proceso de dixitalización das lonxas, que terán na plataforma tecnolóxica de Primare o acceso a un sistema de pesada e clasificación e poxa, informatizando a xestión dunha información que se estaba realizando de forma manual.