A Xunta formaliza a colaboración con ABANCA para implantar o pago por móbil no transporte metropolitano

Sábado 17 de Febreiro de 2018

A Xunta formaliza a colaboración con ABANCA para implantar o pago por móbil no transporte metropolitano

> A Amtega, a Dirección Xeral de Mobilidade e a entidade bancaria asinaron esta semana un acordo para desenvolver a solución

> Esta funcionalidade integrarase nunha aplicación que tamén permitirá aos usuarios facer un seguimento das rutas desde o seus dispositivos móbiles

> É unha das medidas do Plan de Modernización Tecnolóxica da Mobilidade en Galicia, e-Mobility

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Consellería de Infraestruturas e Vivenda están a traballar no desenvolvemento do Plan de Modernización Tecnolóxica da Mobilidade en Galicia, e-Mobility para impulsar a dixitalización do sistema público de transporte que dá servizo a uns 20 millóns de viaxeiros anuais con  máis de 1.000 autobuses, 1.321 liñas e 14.140 paradas.

Esta semana a directora da Amtega, Mar Pereira, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro e o director de IT, Información, Procesos e Operacións de Abanca, José Manuel Valiño, asinaron un convenio de colaboración para desenvolver unha solución que permita o pago desde o móbil aos usuarios do transporte metropolitano.

O acordo recolle o compromiso de Abanca de proporcionar á Xunta unha solución que permita integrar a tarxeta de transporte metropolitano nos teléfonos móbiles. O seguinte paso será a pilotaxe da solución nunha das empresas que presta servizos de transporte publico metropolitano e, posteriormente, a implantación progresiva no resto da flota que presta transporte metropolitano.
 
Esta solución incorporarase á aplicación que está a desenvolver a Xunta para que os usuarios poidan seguir en tempo real as rutas dos autobuses e recibir a notificación das recargas dispoñibles.

Plan eMobility

O Plan eMobility, elaborado pola Amtega en colaboración coa Consellería de Infraestruturas e Vivenda,  ten como obxectivos xerais a dixitalización integral de todos os procesos de xestión e tramitación por parte dos operadores e o desenvolvemento de novos servizos  para os usuarios.

Entre as liñas de traballo previstas  buscarse conseguir a monitorización en tempo real das rutas de transporte público para deseñalas e planificalas dun xeito máis eficiente e adaptadas ás necesidades dos viaxeiros.

As actuacións do Plan posibilitarán tamén novos servizos para os usuarios como o transporte a demanda, rutas personalizadas ou o pago desde o móbil. Os viaxeiros disporán dun portal do transporte, un punto centralizado onde atopar toda a información das rutas dispoñibles e no que xestionar as súas solicitudes de servizo.

Ademais, dixitalizaranse todos os procesos de xestión e tramitación da oferta de transporte por parte dos operadores, que terán á súa disposición unha Oficina Virtual do Transporte.

O Plan foi aprobado en xaneiro polo Goberno galego, cun investimento previsto  de máis de 6,6 millóns de euros ata o 2020. Esta iniciativa desenvolverase en coordinación co traballo que está a realizar a Consellería para a reorganización do transporte público de pasaxeiros e que culminará coa aprobación en 2019 do Plan de Transporte Público de Galicia.