Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta e o sector tecnolóxico investiron máis de 1.260 millóns de euros desde 2015 para avanzar na dixitalización da comunidade

• A directora da Amtega fixo balance dos cinco anos da Axenda Dixital 2020 no pleno do Observatorio da Sociedade da información
• Estase a ultimar o proceso de elaboración da Estratexia Galicia Dixital 2030, no que participaron axentes, institucións e entidades públicas e privadas así como un panel de expertos académicos das tres universidades galegas
• Tamén se avanzaron as liñas do Plan de Traballo do Osimga para o próximo ano, que analizará o impacto da COVID 19 no sector TIC e publicará un novo estudo sobre as tendencias de mercado recollidas na Estratexia Dixital da Xunta de Galicia 2030
• Ademais, publicaranse os resultados do estudo sobre a traxectoria profesional dos egresados STEM nas tres universidades galegas


O pleno anual do Observatorio da Sociedade da Información (Osimga) celebrouse esta semana en Santiago a través de videoconferencia. No encontro a directora da Amtega, Mar Pereira deu conta das medidas desenvolvidas durante os cinco anos de desenvolvemento da Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020), impulsada desde este departamento autonómico. Ademais, informou do Plan de Traballo do Osimga o próximo ano e fixo balance da situación da Sociedade da Información en Galicia, baseado nos últimos datos do Observatorio.

Desde 2015 lévanse investidos máis de 1.260 millóns de euros, máis de 400 de capital privado nos diferentes plans de transformación dixital. O sector tecnolóxico ten un papel chave na implantación destas actuacións.En Galicia o número de empresas do Hipersector TIC ascende a 3.665 empresas, que deron emprego no ano 2019 a máis de 24.300 persoas, o que representa un crecemento do 4,4% respecto do ano anterior.

Cinco anos de Axenda Dixital 2020
A directora da Amtega destacou as actuacións para mellorar a conectividade do tecido produtivo con actuacións específicas para empresas do rural e os despregamentos para a extensión de redes en núcleos de menos de 300 habitantes, que xa beneficiaron a 53.000 persoas. Desde 2018 puxéronse en marcha as primeiras medidas do Plan Galicia 5G como a posta en marcha do Nodo de Cooperación 5G ou os avances no desenvolvemento de diferentes  probas de concepto con esta tecnoloxía, que no 2020 son xa máis de 30 

Entre outros avances no proceso de dixitalización destacou que tramitación telemática superou á presencial, situándose xa nun 53,2% no 2019. Neste eido, destacou a publicación da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (LEDIXGA) completando o marco normativo galego para consolidar unha administración dixital máis accesible e proactiva e universalizar o uso e acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais. E, ao seu abeiro, deseñáronse as bases do novo marco de competencias dixitais, aliñado coas estratexias europeas na materia.

No ámbito educativo, o ensino integramente dixital en Galicia posibilita que a día de hoxe 34.000 estuden co libro dixital. Ao mesmo tempo, promovéronse os coñecementos STEM duplicando o número de centros que imparten o STEMBach chegando a 31 centros no curso 2019/20. Así, no 2019 superáronse cun ano de adianto os obxectivos fixados na Estratexia Galega para a Educación Dixital de centros eDixgal e Bacharelato de Excelencia. 

Ademais, no marco do Plan de Inclusión Dixital impulsáronse novas iniciativas coa a colaboración de máis de 856 Aliad@s Dixitais, conseguindo achegar a tecnoloxía a máis de 90.900 galegos a través da Rede de Aulas públicas CeMIT con máis de 377.000 horas de formación planificadas.

Con respecto aos sectores estratéxicos da economía galega, potenciáronse os recursos turísticos e patrimoniais galegos a través das tecnoloxías dixitais co desenvolvemento do Plan Smart Turismo e a creación da Memoria dixital de Galicia, avanzando na conformación dun fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial. E, por outra banda, realizouse unha importante aposta pola transformación dixital do sector primario co Programa Primare; no eido agrario desenvolvéronse proxectos CPTi para a automatización das inspeccións das axudas da PAC e no sector do mar dixitalizáronse 14 lonxas.

En canto ao impulso ao sector TIC no 2019, afondouse no desenvolvemento do plan DICO Mindset para impulsar os contidos dixitais en Galicia, leváronse a cabo iniciativas que permitiron aproveitar as oportunidades que ofrece este sector, destacando o proxecto de innovación tecnolóxica para adaptar as emisións da CRTVG ás novas demandas do mercado. Ademais, cabe destacar tamén o apoio á creación dos primeiros Hubs de Innovación Dixital en Galicia.

O catálogo de actuacións do Plan DigiTalent tiña 37 actuacións dispoñibles a principios do curso 2019/20, en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, para promover as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos e a adaptación aos novos perfís dixitais.

Elaboración da Estratexia Galicia Dixital 2030
Durante os meses previos á pandemia leváronse a cabo foros, encontros e outros mecanismos de participación con diferentes institucións e entidades públicas e privadas, que contribuíron coas súas achegas a identificar retos e pancas a considerar para conformar a sociedade galega do futuro. E, así mesmo, contouse cun panel de expertos académicos das tres universidades galegas para obter unha mirada aos mundos e tendencias que xorden froito dos cambios económicos, sociais e científico-tecnolóxicos e contribuír a identificar as claves que nos permitan acomodar a acción no ámbito rexional, aproveitando as posibilidades que ofrecen as novas tendencias globais.

Froito deste traballo, actualmente estase a ultimar o proceso de elaboración da Estratexia Galicia Dixital 2030, tomando como base os logros acadados no ámbito dixital na Comunidade nos últimos anos e o novo contexto social, económico e tecnolóxico; coa visión posta en situar a Galicia como unha rexión intelixente de referencia en Europa, onde o uso das tecnoloxías dixitais contribúe a aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible nas súas tres vertentes: social, económica e medio ambiental.

Nova liñas de estudo sobre o impacto da COVID19 no sector TIC e as tendencias de mercado no ámbito dixital
No Pleno do Osimga tamén se presentaron as principais novidades do Plan de Traballo do Observatorio como a análise sobre o impacto da COVID19 nas empresas TIC de Galicia.

Ademais, como novidade no ano 2020, ampliarase o catálogo de informes do OSIMGA cun novo estudo aliñado coa nova Estratexia Dixital da Xunta de Galicia 2030. Neste estudo avaliaranse as principais tendencias de mercado no ámbito dixital recollidas na nova Estratexia Dixital da Xunta de Galicia 2030

No próximo ano, o Osimga tamén publicará os resultados obtidos do Estudo de Egresados/as STEM das Universidades Galegas. Tras desenvolver unha metodoloxía específica para este proxecto nos meses anteriores, estase a desenvolver este estudo a través dunha enquisa específica e no ano 2021 daranse a coñecer os principais resultados e conclusións.