A Xunta e o Centro Cripotolóxico Nacional forman a empregados públicos das diferentes administracións en ciberseguridade

Luns 04 de Outubro de 2021

A Xunta e o Centro Cripotolóxico Nacional forman a empregados públicos das diferentes administracións en ciberseguridade

• Hoxe comeza na Escola Galega de Administración Pública a primeira edición do Curso superior de Ciberseguridade con preto de 100 horas lectivas para profesionais do ámbito tecnolóxico da administración autonómica, deputacións e concellos
• Enmárcase nas actividades do Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal para impulsar a concienciación e a formación de cidadáns, empresas e administracións públicas en materia de ciberseguridade

Medio cento de empregados públicos da Administración autonómica, concellos e deputacións participan desde hoxe e ata o vindeiro 14 de decembro no primeiro Curso Superior de Ciberseguridade, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Centro Criptolóxico Nacional. 

O curso, que ofrece preto de 100 horas lectivas en formato semipresencial, busca  proporcionar aos empregados das diferentes administracións públicas unha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas e dos riscos que comporta o seu uso e ofrecer unha guía de boas prácticas para afrontar a xestión destas situacións.

A xornada de inauguración, celebrada esta tarde, contou coa intervención da directora da Amtega, Mar Pereira; a directora da EGAP, Sonia Fernández-Campos; e o xefe da Área Normativa e Servizos de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional, Pablo López.
A responsable da Axencia autonómica destacou que o  fortalecemento do ecosistema da ciberseguridade é unha prioridade do Goberno galego e, de aí, que Galicia fora a primeira comunidade en poñer en marcha unha estrutura de cooperación público-privada en materia de ciberseguridade, o Nodo de Ciberseguridade galego, CIBER.gal

Mar Pereira sinalou que se está a traballar para ampliar a carteira de servizos de ciberseguridade de CIBER.gal tanto para sector público autonómico como para a Administración local e outras administracións públicas, a cidadanía e o tecido empresarial, en particular pemes e autónomos. Ademais, a directora da Amtega avanzou que está prevista a construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia, que aglutinará a prestación destes servizos especializados.

Por outra banda, a directora da EGAP lembrou a importancia da formación nun contexto tan complexo e cambiante, incidindo en que ante as novas ameazas xurdidas co avance da administración telemática, unha das mellores ferramentas das que dispoñemos para defendernos é contar cun persoal especializado e preparado para salvagardar a confianza da cidadanía nos servizos dixitais.

Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos incidiu na necesidade de fomentar a existencia de perfís profesionais cualificados neste eido para o sector público, motivo polo cal dende a Escola se ofertan dende hai anos actividades específicas en materia de seguridade da información dixital, dirixidas tanto ao persoal empregado público en xeral coma a perfís máis técnicos. 

Nodo CIBER.gal
O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal foi constituído en xullo de 2020 como un espazo de cooperación público privado no campo da ciberseguridade e fundado polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro Deputacións galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia. Desde  entón, sumáronse ao nodo máis de 30 entidades privadas e as tres universidades galegas.