A Xunta desenvolverá a intelixencia artificial nun marco ético e fiable co obxectivo de fortalecer o tecido empresarial e os servizos públicos

Venres 11 de Xuño de 2021

A Xunta desenvolverá a intelixencia artificial nun marco ético e fiable co obxectivo de fortalecer o tecido empresarial e os servizos públicos

• O presidente do Goberno galego clausurou o acto de presentación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030
• Salienta que, cun investimento total de 330 millóns durante a próxima década, a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030 permitirá crear preto de 1.000 postos de traballo ao ano, nese período, e incrementar nun 50% os profesionais docentes con formación nesta materia
• A estratexia permitirá tamén a creación dun Nodo de Intelixencia Artificial, cunha colaboración público-privada; e o incremento un 25% das empresas que usan solucións avanzadas baseadas en intelixencia artificial
• “Esta estratexia perseguirá con afán o uso da intelixencia artificial en favor da cidadanía, das nosas empresas e do noso tecido produtivo; das nosas capacidades docentes e de formación de talento; e en favor da prestación duns servizos públicos eficientes”, di

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a Xunta impulsará a creación das condicións propias para o desenvolvemento e o despregamento dunha intelixencia artificial nun marco ético e fiable, co obxectivo de fortalecer o tecido empresarial e os servizos públicos.

Nesta liña, e durante o acto de clausura da presentación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, Feijóo garantiu un marco regulamentario para o control e o avance ético do procesamento de datos e o seu uso, garantindo os dereitos fundamentais.

“Temos todo o necesario para levalo a cabo”, dixo, recordando ademais que o 85% dos datos industriais non se utilizan nin unha soa vez, polo que o uso da intelixencia artificial pode proporcionar vantaxes competitivas esenciais ás empresas, ademais de novos empregos.

Así mesmo, avanzou tamén a posta en marcha dun plan no sector público, co propósito de mellorar a calidade dos servizos á cidadanía.

“En definitiva, presentamos formalmente unha estratexia coa que vamos a camiñar”, afirmou, recordando que, cun investimento total de 330 millóns durante a próxima década, esta folla de ruta permitirá crear preto de 1.000 postos de traballo ao ano, nese período.

Para logralo, explicou que se porán en marcha 15 medidas articuladas en 4 eixes. No tocante ao primeiro deles: Galicia rexión intelixente, afirmou que establecerá un modelo de xestión para responder ás demandas dos cidadáns e desenvolver proxectos que combinen a innovación, a dixitalización e a cohesión.

Sobre o segundo eixo, Talento e competencias en Intelixencia artificial ao longo da vida, explicou que terá como fin promover as habilidades dixitais necesarias para utilizar as aplicacións.

Ao mesmo tempo, este eixe atenderá os requerimentos do ámbito económico de cara a que a intelixencia artificial estea presente na oferta formativa non tecnolóxica e na formación profesional; ademais de promover a atracción e retención de talento nesta materia.

En relación ao terceiro eixo, Adopción estratéxica da intelixencia artificial, Feijóo explicou que axilizará os procesos da administración pública e mellorará a calidade na prestación dos servizos públicos. E, por último, sobre o cuarto: I+i orientada ás necesidades da economía galega, aseverou que aliñará as necesidades específicas da nosa economía coas capacidades de investigación e innovación.

Logo de subliñar que esta estratexia permitirá incrementar nun 50% os profesionais docentes con formación en competencias dixitais e intelixencia artificial, Feijóo recordou que na actualidade estanse a levar a cabo en Galicia 258 proxectos de investigación neste ámbito; unha cifra que se verá aumentada nun 20% en 2030 grazas á aplicación desta folla de ruta.

“Outra meta esencial será a creación do Nodo de Intelixencia Artificial de Galicia, cunha colaboración público-privada; o fortalecemento da presencia de Galicia nas convocatorias nacionais e europeas de concorrencia competitiva; e o incremento un 25% das empresas que usan solucións avanzadas baseadas en intelixencia artificial e un 25% os servizos públicos nos que se aplique”, engadiu.

Feijóo rematou resaltando que o desenvolvemento da estratexia coincidirá coa celebración da década xacobea, co obxectivo de enxalzar a esencia do Camiño.

“En conclusión esta estratexia perseguirá con afán o uso da intelixencia artificial en favor da cidadanía, das nosas empresas e do noso tecido produtivo; das nosas capacidades docentes e de formación de talento; e en favor da prestación duns servizos públicos eficientes”, dixo.