Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

A Xunta de Galicia organiza por primeira vez dous campamentos tecnolóxicos de verán dirixidos á mocidade

• O albergue xuvenil de Gandarío acollerá do 1 ao 8 de setembro dúas novas iniciativas para o fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos, que lles permitirán coñecer os principios necesarios para crear animacións de vídeo e os fundamentos para a creación, control e voo dun dron


A Xunta de Galicia amplía a oferta de actividades de ocio e formación dirixidas á xente nova para esta tempada estival coa organización de dous novidosos campamentos centrados no fomento das vocacións tecnolóxicas. Esta acción, enmarcada, no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (Digitalent 2020) que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), engádase á programación da Campaña de Verán 2018 que impulsa a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, e tamén se enmarca 

Precisamente, o conselleiro José Manuel Rey Varela, e a directora da Amtega, Mar Pereira Álvarez, veñen de asinar o convenio de colaboración para o desenvolvemento destes novos campamentos de educación non formal que terán como sede as instalacións do Albergue Xuvenil de Gandarío, situado no municipio coruñés de Bergondo. En concreto, estas novas accións denomínanse ‘Vídeo Mapping. Fai visible o que levas’ e ‘A vista de paxaro. Primeiros pasos con drons’, de 20 prazas cada un e que se celebrarán do 1 ao 8 de setembro. 

Na primeira destas dúas propostas, os participantes poderán coñecer os principios necesarios para crear animacións de vídeo, e mediante o emprego de ferramentas informáticas serán quen de crear as súas propias composicións e compartilas cos seus compañeiros, mesmo con proxeccións nocturnas no propio albergue. Pola súa banda, na segunda, os mozos e mozas achegaranse aos fundamentos que permiten a creación, o control e voo dun dron.

Aos mozos e mozas que participen facilitaráselles aloxamento no albergue de Gandarío durante as sete noites que dura o campamento, manutención completa o material preciso para o desenvolvemento do programa de actividades establecido. 

O obxectivo da oferta de accións de verán da Xunta é que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal moi diversas: culturais, deportivas,  ambientais, de voluntariado ou, como é o caso, de carácter tecnolóxico. Trátase de que a xente nova se divirta ao mesmo tempo que se fomenta o seu enriquecemento vital e persoal.

Por outra banda, estimular o talento precoz no ámbito TIC e fomentar o talento vocacional das profesións científico-tecnolóxicas desde idades temperás é tamén un  obxectivo prioritario da Xunta, recollido na Axenda Dixital de Galicia e que se materializa en actuación como o Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.