A secretaria xeral para o Turismo inaugura en Santiago “Compostweets 2011”, o primeiro encontro anual de social media en Galicia

Sábado 26 de Febreiro de 2011

A secretaria xeral para o Turismo inaugura en Santiago “Compostweets 2011”, o primeiro encontro anual de social media en Galicia

Trátase do primeiro encontro destas características que se celebra en Galicia e pretende ser un lugar de reflexión e participación sobre o uso e aplicación das redes sociais. “Compostweets 2011” está organizado pola Axencia Creativa Lúdica 7 e conta co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e coa colaboración da Secretaría Xeral para o Turismo a través de Turgalicia

A secretaria xeral destacou na súa intervención que Turgalicia foi a primeira institución española do seu ámbito de actuación que puxo en marcha a súa propia Canle Social Media, de xeito que “a comunidade galega foi pioneira en crear unha canle social media para un Contact Center Turístico e converter os seus axentes en community managers”

Carmen Pardo anunciou a posta en servizo no mes de xullo da nova páxina web de Turgalicia, que conterá adaptacións á web 2.0 e ás especificidades da nova marca do Turismo de Galicia

A iniciativa Compostweets 2011 bota a andar por primeira vez en Galicia coa organización do Primeiro Encontro Anual de Social Media, organizado pola Axencia Creativa Lúdica 7 co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura e coa colaboración da Secretaría Xeral para o Turismo, a través de Turgalicia. A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, inaugurou hoxe o encontro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. Segundo Carmen Pardo, o obxectivo deste encontro é o de “ser un lugar de reflexión e de participación daqueles profesionais que desexen intercambiar experiencias sobre o funcionamento, as aplicacións e a xestión da web 2.0”.

A secretaria xeral para o Turismo resaltou na súa intervención a “extraordinaria capacidade de mobilización das redes sociais” e mais o feito de que estamos “ante unha auténtica revolución no eido da comunicación interpersoal e colectiva”. Tamén destacou o feito de que Galicia como destino turístico ten que ser consciente deste potencial e desenvolver novas formas e comunicación “moito máis rápidas e directas”.

Neste sentido, Carmen Pardo afirmou que dende a Administración Turística “lonxe de mostrarnos pasivos fomos quen de artellar mecanismos precisos para achegarnos de xeito máis directo e eficaz aos nosos potenciais clientes turísticos”. Puxo como exemplo a iniciativa desenvolvida dende o seu departamento coa organización dun foro de bloggers e mais dun blogtrip que supuxo un paso adiante na innovación da promoción do destino Galicia.

A secretaria xeral explicou tamén que xa no pasado outono, Turgalicia foi a primeira institución española do seu ámbito de actuación que puxo en marcha a súa propia Canle Social Media, de xeito que “a comunidade galega foi pioneira en crear unha canle social media para un Contact Center Turístico e converter os seus axentes en community managers”. Segundo explicou, “o servizo de información turística que viña prestando o Contact Center de Turgalicia foi ampliado para cubrir novas necesidades de comunicación, dunha demanda cada vez máis selectiva e mais familiarizada coas redes sociais na Internet”.

Deste xeito, explicou Pardo, pasouse de prestar un servizo reactivo –a través de teléfono, fax ou correo electrónico- a desenvolver o traballo de respostar ás consultas dos usuarios turísticos de xeito proactivo. “Os axentes que manteñen este servizo poden actuar en todas as canles nas que se demanda información turística sobre Galicia, adaptando a súa resposta a cada necesidade”, dixo.

A secretaria xeral para o Turismo aportou datos para avaliar o éxito do traballo destes community managers do Turismo galego e resaltou que nas primeiras semanas de funcionamento da Canle Social Media a productividade do seu Contact Center incrementouse nun 30%.

Do mesmo xeito, Carmen Pardo anunciou a posta en servizo da nova páxina web de Turgalicia no mes e xullo que conterá adaptacións á web 2.0 e ás especificidades da nova marca do Turismo de Galicia.