Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Rede de aulas CeMIT da Xunta impartiu máis de 20.000 horas de formación gratuítas nos seis primeiros meses do ano

Un total de 14.600 galegos se están a formar en novas tecnoloxías nos 98 centros da Rede

En seis meses o número de usuarios é case o dobre de 2011

A maioría dos usuarios da Rede son mulleres cunha porcentaxe do 57% fronte ao 43% de homes e nun tramo de idade entre os 41 e os 65 anos

A Rede puxo en marcha un Aula de formación virtual que permite o acceso á capacitación dixital desde calquera punto con acceso a internet

Arredor de 14.600 galegos participaron ao longo deste ano nos cursos do Plan de Formación 2012 da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia (Rede CeMIT). Esta cifra case duplica o número de usuarios da Rede en 2011 e está a superar a previsión de acadar os 15.000 usuarios a finais de ano.

Ata o mes de xuño a Rede leva impartidas máis de 20.000 horas de formación nos 98 centros que a integran. A maioría (máis de 9.000) corresponden a cursos de alfabetización, mentres que os cursos multimedia supuxeron máis de 2.300 horas de formación. Os cursos  e seminarios de formación avanzada para profesionais TIC impartidos no CNTG superaron as 2.000 horas e os desenvolvidos na EGAP para os empregados públicos supuxeron preto de 1.900 horas.

Entre as principais novidades do Plan Formativo 2012 está o impulso da teleformación coa posta en marcha o mes pasado dun aula virtual na web CeMIT, que permite aos usuarios formarse en novas tecnoloxías desde calquera punto con acceso a internet.  O novo “Espazo Multimedia de Aprendizaxe” ten xa dispoñibles nove cursos de teleformación sobre diferentes categorías temáticas de capacitación dixital.

Charlas e Aula Aberta

Ademais da formación, o catálogo de servizos da Rede CeMIT contempla tamén actividades de divulgación para a sensibilización e o fomento do uso das TIC coa organización de charlas e xornadas con expertos en materia de novas tecnoloxías. Nos seis primeiros meses do ano celebráronse preto de 70 charlas. Paralelamente, continúase co servizo de Aula Aberta, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

Perfil dos usuarios

A maioría dos usuarios da Rede CeMIt, un 37%, sitúanse no tramo de idade dos 41 aos 65 anos e son maioritariamente mulleres, un 57% fronte ao 43% de homes. O 28% teñen entre 26  e 40 anos, un 12% entre 15 e 25, outro 12% son maiores de 65 e un 11% menores de 15 anos.

En canto a nivel de coñecemento o 28% carecen totalmente de formación en novas tecnoloxías, un 36% declara ter un coñecemento básico, un 32% un nivel medio e un 4% un nivel avanzado.

Itinerarios formativos adaptados aos usuarios

O Plan 2012 incorporou novidades enfocadas a mellorar a aprendizaxe e ao aproveitamento da formación. Así establecéronse 13 itinerarios formativos con 60 cursos para as distintas áreas en función dos colectivos e as súas necesidades.  Os itinerarios formativos abranguen a alfabetización dixital básica, a formación destinada a empresarios e emprendedores, equipamento TIC, redes sociais, imaxe e audio,  formación a desempregados, ofimática en software libre, operacións a través de Internet, creación multimedia e web 2.0, administración electrónica, capacitación especialización e software libre, ocio en Internet e multimedia e ferramentas TIC.

Cando o usuario accede á Rede realiza unha proba de nivel para que o Axente TIC lle poida recomendar a realización do itinerario máis axustado ás súas necesidades. Así mesmo os cursos rematarán cunha proba de aproveitamento para coñecer o nivel de aprendizaxe do usuario.

Rede CeMIT

A Rede CeMIT está integrada por 98 aulas presentes en 92 concellos e 53 comarcas. O obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

As aulas, que contan cun axente TIC que impulsa as actividades do centro definidas no Plan de Formación. O contido do Plan de Formación e a carta de servizos están dispoñibles non enlace http://cemit.xunta.es.