Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A porcentaxe de galegos con competencias dixitais básicas ou avanzadas crece máis dun 18% nun ano e supera o 61%

• Galicia supera a media europea de competencias dixitais nas cinco dimensións que se miden e reduce a distancia coa media estatal en todas no último ano
• O 84,7% dos galegos de 16 a 74 anos posúen competencias dixitais básicas ou avanzadas en materia de información, máis de 4 puntos por riba da media europea
• As capacidades dixitais relacionadas coa comunicación e colaboración son as máis estendidas entre a poboación galega cun 88,6%, 2,6 puntos por riba da media europea (86%)
• O 76,2% dos galegos de 16 a 74 anos dispoñen de habilidades básicas ou avanzadas en materia de seguridade, moi preto da media estatal (77,1%) e superando a media europea en 8 puntos


O nivel de competencias dixitais entre a cidadanía galega continúa a súa evolución positiva. En 2021 aumentou nun 18,2% a poboación Galega que dispón de como mínimo habilidades dixitais básicas, acadando o 61,6%. Entre os internautas, Galicia ocupa o sexto lugar entre as Comunidades Autónomas en competencias dixitais básicas ou avanzadas.

Son parte dos resultados da análise de Competencias Dixitais elaborada polo  Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en base aos datos da Enquisa TIC nos fogares do ano 2021 realizada polo INE, que permite obter unha foto da situación actual das competencias dixitais en Galicia, un perfil sociodemográfico detallado aplicando metodoloxías propostas polo INE e EUROSTAT.

Os datos presentados analizan as competencias dixitais da poboación galega partir da metodoloxía “Digital Competence Framework” deseñado pola Comisión Europea que se aplica para toda Europa e que establece cinco dimensións: Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Solución dos problemas e contorna dixital e, como novidade, Seguridade e privacidade.

 

Análise das competencias dixitais por dimensións

A desagregación de habilidades dixitais por dimensións amósanos a Galicia moi preto da media estatal a pesares de presentar unha poboación máis avellentada, mentres conserva unha notable vantaxe sobre os promedios para Europa en todos os indicadores.

En 2021, o 84,7% dos galegos de 16 a 74 anos posúen competencias dixitais básicas ou avanzadas en materia de información, cunha vantaxe de 4,7 puntos porcentuais coa media europea (80%) e o 88,6% dos galegos de 16 a 74 anos teñen habilidades básicas ou avanzadas en materia de comunicación e colaboración, situándose 2,6 puntos por enriba da media europea (86%).

A creación de contidos dixitais é a área competencial menos estendida en Galicia e no conxunto do territorio estatal. Aínda así, a porcentaxe de galegos/as de 16 a 74 anos con habilidades básicas ou avanzadas en creación de contidos dixitais (69,7%), supera a media europea (66%) en 3,7 puntos porcentuais.

As habilidades dixitais en Seguridade da poboación galega son as que superan con maior diferenza a media europea. En 2021, o 76,2% dos galegos/as de 16 a 74 anos dispoñen de habilidades básicas ou avanzadas en materia de seguridade, moi preto da media estatal (77,1%) e 8 puntos por riba da media europea.

En 2021, o 81,7% dos galegos/as de 16 a 74 anos teñen habilidades básicas ou avanzadas en materia resolución de problemas, que a sitúa a 3,2 puntos porcentuais da media estatal (84,9%) e mellora a europea (80%)

 

Perfil sociodemográfico

As competencias avanzadas están máis estendidas entre as persoas de 25 a 34 anos (58,7%) e tamén entre aqueles galegos que actualmente están a estudar (69%). Este tipo de habilidades na contorna dixital é máis frecuente entre as persoas as que teñen formación universitaria (60%) e contan con rendas superiores aos 3.000 euros ao mes (59,6%).

O nivel de competencias dixitais básicas ou avanzadas superan xa o 80% entre as persoas menores de 45 anos, estudantes e persoas ocupadas por conta allea, con formación en FP ou superior.

As competencias dixitais baixas destacan entre a poboación a partir dos 55 anos, os dedicados a labores do fogar ou pensionistas, quen conta cun nivel de estudios inferior á segunda etapa de secundaria, e entre aqueles que contan con renda inferior aos 900 euros.

Cabe salientar que nas dimensións de Comunicación e Colaboración e Seguridade as mulleres superan aos homes no nivel avanzado.

 

Marco Galego de Competencias Dixitais para “non deixar a ninguén atrás”

Para facilitar a capacitación dixital da cidadanía Galicia ten en marcha o Marco Galego de Competencias Dixitais, en vigor dende o 1 de xaneiro de 2022, aliñado co marco europeo, e enmarcado na Estratexia Galicia Dixital 2030.

No último trimestre deste ano prevese realizar a primeira convocatoria para certificar no Marco Galego das Competencias Dixitais ao persoal das primeiras entidades colaboradoras (Rede CeMIT e titores EGAP) e no 1º trimestre do ano 2023 abriranse as primeiras convocatorias para o conxunto da cidadanía e dos empregados.

Poden consultar os resultados detallados na web www.osimga.gal